VERÍN | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse hoxe ata
Verín nesta primeira xornada de folga dos profesionais de atención
primaria para denunciar o “desmantelamento” da sanidade pública por
parte da Xunta de Feijóo.
“Feijóo está enterrando a
calidade da sanidade pública coas súas privatizacións e cos seus
recortes, que implican un deterioro gravísimo deste servizo público”,
incidiu o líder dos socialistas galegos, e denunciou tamén “un ataque
continuo” de Feijóo contra o hospital de Verín que “non pode ser
admitido”.
De feito, Gonzalo Caballero retou a Feijóo a
ter “a coraxe política de vir a Verín a explicar aos veciños” os
retrocesos nos servizos de pediatría, dermatoloxía, anestesia, coidados
paliativos, traumatoloxía e cirurxía.
Ademais, o mesmo
día no que o xerente da área sanitaria do Sergas abre a posibilidade de
facer derivacións dende a provincia de Ourense a Vigo, o secretario
xeral sinalou que se este xestor xa foi “nefasto” en Vigo onde xa foi
rexeitado pola cidadanía viguesa.
“Feijóo trouxo para
Ourense o que non valía para Vigo”, criticou Gonzalo Caballero antes de
reclamar a Feijóo que “cambie ao xerente, ao conselleiro e a política
sanitaria” porque “non pode dar as costas” a esta provincia. "Como
Feijóo non cambia, haberá que cambiar a Feijóo".
Compromiso socialista coa sanidade pública
Pola
súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta asegurou que “un
goberno socialista na Xunta paralizará esta senda de recortes e
privatizacións” na sanidade pública e devolverá a Verín a carteira de
servizos que tiña no seu hospital. De feito, recordou
que foi o executivo liderado por Emilio Pérez Touriño o que converteu
este centro, anteriormente en mans dunha fundación, en público.
"Feijóo está vaciando Verín"
Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, sinalou
que “Feijóo está vaciando a nosa bisbarra”, posto que á “ausencia total
de inversións” súmase o feito de que “cada día nos quita unha cousa”. É,
como dixo, “o contrario do que hai que facer” para combater o devalo
demográfico.
No caso do hospital, o rexedor afeou a
Feijóo o desmantelamento do centro por “criterios ideolóxicos”. “Son
máis partidarios das privatizacións que de atender á xente”, reprobou,
ao tempo que amosou a súa confianza en que Gonzalo Caballero reporá os
servizos perdidos cando sexa presidente da Xunta. Departamento de comunicación