El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

GALICIA | CPXG

Paolo Berizzi: "O deber dos xornalistas é dar información rigorosa, pero temos tamén unha misión social"

28-11-2019 17:07:25

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión: Retos do xornalismo ante a irrupción dos extremismos, que reúne a diversos expertos en extremismos, desinformación, fact-checking e ataques á liberdade de expresión. O acto conta coa colaboración da Facultade, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

Darío Janeiro, secretrario do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, inaugurou a xornada afirmando que “desinformación e extremismos son un cóctel moi perigoso que afecta ao dereito a informar dos xornalistas e o dereito a recibir información veraz da cidadania”. Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, salientou a importancia de xornadas como esta porque “a educación é unha parte importante” do xornalismo. Francisco González Sarria, decano do Colexio, asegurou que “as fake news, que non son máis que as mentiras de toda a vida, son o antagónico á razón de ser da nosa profesión”.

A conferencia central da mañá versou sobre “O avance da extrema dereita en Europa: Desafío para o xornalismo”, e estivo impartida polo xornalista italiano Paolo Berizzi, investigador do neofascismo no seu país desde as páxinas do diario La Repubblica e de libros como NazItalia. Berizzi afirmou que “a prensa foi demasiado tímida á hora de se enfrontar ao fascismo”, que está a ter “un grande crecemento en todo o mundo”. O xornalista denunciou que “o máis grande favor que se lle pode facer aos fascistas é non falar deles”, criticando ao mesmo tempo os medios que normalizan os extremismos, dado que “dar a palabra aos fascistas en televisión é lexitimalos”. Neste sentido, reivindicou unha comunicación que confronte o discurso da extrema dereita: “O deber dos xornalistas é dar información rigorosa, pero temos tamén unha misión social”.

Na mesa redonda “As fake news como estratexia informativa”, Marilín Gonzalo (de Newtral.es), Patricia R. Blanco (do blog ‘Hechos’ de El País), Eli Vivas (de Verificat e Storydata) e César Peña (do Laboratorio de Innovación Audiovisual de RTVE) presentaron as súas plataformas de verificación, moderados pola xornalista do Faro de Vigo Lara Graña. Vivas destacou que “é máis difícil apagar unha información falsa que difundila”, algo no que incidiron todos os ponentes porque, nas palabras de Peña, “a mentira sempre é máis atractiva que a verdade”. Neste sentido, Blanco puxo en valor a necesidade de “armar aos lectores, conseguir que teñan capacidade crítica para detectar informacións sospeitosas”. Gonzalo apuntou tamén que “a xente non se informa menos, senón que se informa menos polas canles tradicionais”, polo que defendeu a necesidade de difundir os resultados das verificacións por redes sociais, para combater as fake news. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias