O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, reiterou hoxe que Galicia non renunciará á totalidade dos 700
millóns de euros que lle debe o Goberno central e avanzou que a
Comunidade galega proporá varias solucións para que as comunidades e as
entidades locais conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de que
remate o ano.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo
reiterou que dos 700 millóns, ata o momento, Galicia tan só recibiu 167
millóns de euros. E o único que garante o Goberno central, a través dun
Real Decreto Lei, son as entregas a conta: 334 millóns de euros que
“estaban comprometidos para este mes de novembro”, rexeitando pagar os
200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns dos
incentivos.
Diante disto, Feijóo trasladou dúas posibilidades para
regular a modificación do sistema do IVE. Como primeira opción, a
proposta de solicitar ao Goberno central que habilite o financiamento
previsto para compensar todas as cantidades do IVE a todas as
Comunidades Autónomas antes do 30 de decembro, para o que hai diversos
mecanismos: a modificación orzamentaria –dando de baixa e de alta a
distintas partidas dos orzamentos prorrogados do Estado-; ou volver
outra vez a completar o Real Decreto Lei, algo que “seguimos dicindo que
é perfectamente posible”.
Como segunda posibilidade, o presidente
da Xunta expuxo a opción de que o Goberno central asuma un incremento
transitorio do seu endebedamento, e que se endebede polo mesmo importe
que a débeda do IVE. E, posteriormente, unha vez que habilite o
mecanismo legal axeitado, deixe sen efecto esa débeda, como consecuencia
de que mediante un axuste contable, o IVE sería igual á débeda que o
Goberno central subscribiría e transferiría ás Comunidades.
“Esta
fórmula é moi sinxela: o Goberno central emite débeda pública polo
importe do IVE que debe ás Comunidades Autónomas; transfire ese importe
ás Comunidades; e posteriormente, na primeira lei que pase polas Cortes
Xerais, xera crédito a través do IVE que xa ten recadado, e por ese
mesmo importe amortiza a débeda”, explicou sobre a segunda das
solucións.
Así mesmo, no caso de que o Goberno central “non faga caso a ninguén”, Feijóo anunciou que o asunto se levará ao Parlamento. “E
tamén pedimos, claramente, a convocatoria do Consello de Política
Fiscal e Financeira”, dixo, subliñando que tamén se pedirá que se inclúa
na orde do día un punto específico para abordar a aprobación a Galicia
dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018, por
importe de 170 millóns de euros, tamén pendentes de pago. “Non soamente
non nos pagan, senón que non nos falan”, aseverou.
Nesta liña, o
titular do Goberno galego incidiu en que este asunto “está empezando a
producir unha tensión innecesaria de aqueles que pensamos que o Estado
das autonomías ten que arranxar os seus problemas internamente”, e
subliñou que Galicia está actuando “con lealdade” e está propoñendo
fórmulas, como as expostas hoxe.
“Espero e desexo que isto por fin
se poida desbloquear, porque se non é así imos pechar un ano moi
complexo, con débedas, con liñas de tesourería e coa imposibilidade de
cumprir os prazos de pagamento que vimos acostumando”, dixo, e lembrou
que Galicia é a Comunidade Autónoma que paga as facturas en menor tempo,
pero agora “nos está custando xa non pagalas en menor prazo, senón
pagalas”; “e non é xusto”, concluíu.