LUGO | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo en
compañía da alcaldesa, Lara Méndez, para criticar que “Feijóo non
cumpriu” coa cidade á vista de que “meteu nun caixón os grandes
proxectos” pendentes, como a Ronda Leste, o Museo da Romanización ou o
Plan Paradai. “Nós queremos trasladar o noso compromiso con esta cidade,
queremos dicirlle aos veciños de Lugo que no PSOE teñen un aliado”,
proclamou o líder dos socialistas galegos, quen avanzou que o vindeiro
goberno progresista da Xunta amosará “un claro compromiso con esta
cidade”.
“Eu quero traslar o meu compromiso firme,
persoal e político, con esta cidade”, asegurou Gonzalo Caballero,
consciente de que Lugo “é unha cidade de referencia para a Galicia do
futuro, e de que toda a provincia de Lugo necesita que a capital da
provincia teña forza, impulso e vitalidade”. Para iso, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que “necesítase o
respaldo de todas as administracións públicas” e, tras poñer en valor o
“pulo” do concello con Lara Méndez á fronte, reprochou á Xunta “ter
atrancado os grandes compromisos” con Lugo, impedindo así que os veciños
“poidan vivir nunha cidade cada vez máis cómoda, cada vez máis
urbanizada e con máis servizos sociais”.
“Preocúpanos
moito que Feijóo non queira cumprir con esta cidade, que desprecie aos
lucenses cando non cumpre os seus propios compromisos e que prefira
xogar á confusión co Museo da Romanizacion, que é unha demanda histórica
desta cidade”, evidenciou o líder socialista, consciente de que “cando
gobernaba Rajoy, Feijóo non dixo nada do cuartel de San Fernando nin
propuxo facer ningún Parador”.
Díxoo precisamente no
barrio de Paradai, que utilizou a xeito de exemplo da “falla de
compromiso da Xunta”, sen concluír dende hai vinte anos. “Lugo vai estar
na nosa axenda de traballo“, garantiu o candidato socialista á
Presidencia da Xunta, consciente de que as cuantías en cuestión son
“plenamente asumibles se hai vontade política e compromiso coa cidade”.
Así
é que, ante membros do PSdeG en Lugo e do presidente da Federación de
Asociacións Veciñais da cidade, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que
“rectifique” e que “se comprometa co Museo da Romanización, que o dote
dacordo aos plans que hai, e que cumpra con esta cidade”.
"Falla de compromiso da Xunta"
Pola súa banda, a alcaldesa de
Lugo lamentou a “falla de compromiso da Xunta” con esta cidade, pois
“non pode ser que un plan iniciado hai máis de 20 anos estea aínda
inconcluso”.
Con todo, incidiu en que o Plan Paradai “é un máis
dos incumprimentos da Xunta” con Lugo, e citou tamén que o Auditorio
está sen recepcionar tras 15 anos, que a Ronda Leste segue sen
materializarse 13 anos despois e que “non se sabe nada” do futuro museo
que albergará o Cuartel de San Fernando.
“E un longo etcétera de plans
iniciados e de promesas sen cumprir”, resumiu.
Por tanto,
remarcou Lara Méndez, “as palabras do PP e de Feijóo xa non valen
nada”. “Nin sequera as firmas, porque asinan os protocolo e os convenios
e despois non os conclúen”, agregou, ao tempo que criticou que nin o
DOG “ten valor”: “o proxecto para o Cuartel de San Fernando, a pesar de
estar comprometido e publicado no DOG no ano 2012, a día de hoxe non
finalizou“.
Fronte a isto, a rexedora agradeceu a Gonzalo
Caballero a súa presencia en Lugo e “o seu compromiso coa cidade”
Ademais, tomou a palabra José Manuel Carballo, portavoz da Asociación de
Veciños Porta de Lugo, quen urxiu á Xunta “que se poña a traballar, que
levamos 20 anos de espera, e isto é inaguantable”. “É unha tomadura de
pelo aos veciños e non o podemos permitir xa por máis tempo. Que a Xunta
traballe e que deixe de contarnos contos, que non creemos xa nas
mentiras”, finalizou. Departamento de comunicación