O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou hoxe que
Galicia “necesita un goberno de progreso que devolva á sanidade pública
os medios, o compromiso e a xestión necesaria para non seguir na senda
de recortes, de declive e de deterioro continuo” que lle está inflixindo
a Xunta. “Feijóo vai pasar á historia como o enterrador da sanidade
pública”, recalcou.
De feito, como indicou Gonzalo
Caballero en rolda de prensa, a Comisión Executiva Nacional Galega do
PSdeG abordou na súa xuntanza deste sábado a crise que atravesa a
sanidade pública, que hoxe mesmo motiva unha manifestación en Verín polo
peche do paritorio, que se une á supresión dos servizos de
traumatoloxía, pediatría, dermatoloxía, coidados paliativos, cirurxía e
anestesia. “Exemplifica a falta de compromiso do PP coa sanidade
pública”, evidenciou o líder dos socialistas galegos.
Consciente
de que o peche do paritorio parte dunha “decisión política” que se
evitaría se houbese compromiso de “destinar os recursos necesarios para
manter o servizo”, Gonzalo Caballero recordou que sempre dixo que a
supresión das áreas sanitarias alleas ás cidades traería consigo “máis
recortes”. “E o tempo dános a razón”, lamentou, ao tempo que advertiu de
que medidas deste tipo “incrementan a desigualdade da cidadanía en
función de onde viva” e afondan na perda de poboación.
Outro
dos asuntos analizados na xuntanza da dirección do PSdeG foi o
compromiso do goberno coa industria galega, trala firma do convenio para
a construción das cinco fragatas en Navantia Ferrol. “Tras unha década
na que Feijóo esqueceuse de Ferrol e do naval, porque non ten axenda de
política industrial, trátase da segunda maior inversión da historia de
Galicia”, destacou o máximo dirixente socialista en Galicia.
"O cambio posible"
Ademais,
a dirección do PSdeG acordou que o secretario xeral asuma a portavocía
parlamentaria en substitución de Xoaquín Fernández Leiceaga e ratificou a
Pablo Arangüena como coordinador dos socialistas galegos nas Cortes. Ademais, Leiceaga coordinará o grupo de traballo do que sairán as
bases programáticas de cara ás vindeiras eleccións autonómicas; unha
cuestión que se combinará coa celebración de distintas xornadas, a
través do laboratorio de ideas, para “conectar o proxecto de cambio coa
maioría progresista”.
“O PSdeG é o cambio posible, e
traballaremos para fortalecer esa alternativa e dar a Galicia un goberno
progresista cando haxa eleccións”, finalizou o candidato socialista á
Presidencia da Xunta, quen avanzou unha axenda de traballo “intensa”.
"Cordón sanitario a Vox"
En
paralelo, Gonzalo Caballero lamentou a posibilidade de que Vox entre na
Mesa do Congreso e retou a Feijóo a amosar que ten “un mínimo de
centralidade política e de sensatez” dando instrucións aos seus
deputados en Madrid para que o impidan.
“Se quere ter un
mínimo de credibilidade cando fala de loitar contra a ultradereita, os
deputados do PP de Galicia teñen que impedir que Vox entre na Mesa do
Congreso”, recalcou, para reclamar que poñan “un cordón sanitario” a Vox
como fai a dereita en Alemania ou Francia coa extrema dereita. “Que
deixe o discurso de boquilla e que pase aos feitos”. Departamento de comunicación