A campaña de vacinación fronte á gripe,
iniciada o pasado 14 de outubro, chega a súa sétima semana de
actividade con datos de cobertura maiores aos rexistrados na mesma data
do ano anterior. A 28 de novembro, son 547.581 as persoas xa vacinadas,
un 6,7% máis que en 2018. Delas, 380.578 pertencen ao grupo obxectivo de
65 anos ou máis, un 3,9% máis que un ano atrás. Deste xeito, a
porcentaxe de persoas de 65 anos ou máis xa vacinadas acada o 55,9%,
adiantando en case dous puntos porcentuais as cifras do pasado exercicio
neste momento do ano. Como en anteriores campañas, os índices máis
elevados de participación obsérvanse nas persoas de 75 ou máis anos;
neste caso, cun 63,12% fronte ao 61,99% da tempada anterior á mesma
altura da campaña. Por áreas sanitarias, os datos de cobertura na
poboación de 65 anos ou máis son do 55,94% na Coruña e Cee, o 55,59% en
Ferrol, o 56,80% en Santiago e Barbanza, o 60% en Lugo, A Mariña e
Monforte de Lemos; o 60,83% en Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; o
55,21% en Pontevedra e O Salnés, e o 52% en Vigo.
De xeito
singular, e mantendo a tendencia observada o pasado ano, obsérvase un
incremento destacado na participación do persoal sanitario, un colectivo
prioritario, tanto por razóns de autoprotección dos traballadores da
saúde como de redución do risco de transmisión da gripe aos seus
pacientes. Ata o 28 de novembro, eran 15.962 os profesionais vacinados,
superando xa o número total acadado na totalidade da campaña 2018. En
Atención Primaria téñense vacinado 4.855 profesionais fronte aos 4.353
rexistrados en 2018 na mesma data. A evolución é aínda maior na Atención
Hospitalaria, con 11.107 traballadores vacinados: case dous mil máis
que un ano atrás e fundamentalmente debido a elevada participación do
persoal de enfermería hospitalaria, que xa se vacinou un 11,48% máis que
en toda a campaña anterior. No colectivo das mulleres embarazadas, á súa vez, son 6.169 as que xa recibiron a vacina, 1.080 máis que un ano atrás.
O
Servizo Galego de Saúde recorda a todos os usuarios que a campaña de
vacinación continúa en marcha ata o 27 de decembro e convida a todas as
persoas incluídas nalgún dos grupos prioritarios a importancia de
protexerse fronte á gripe. A vacina antigripal non só limita o número de
casos de gripe, senón que diminúe as posibilidades de que aparezan
formas severas da enfermidade e reduce o risco de complicacións,
hospitalización e morte. As autoridades sanitarias recordan que aínda
quedan máis de 200.000 galegos que se poden beneficiar desta vacina.
A
vacina recoméndase a persoas de 60 anos ou máis, persoas residentes en
institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, nenos e
adolescentes con tratamentos prolongados con ácido acetilsalicílico
(AAS) e persoas entre seis meses e 59 anos con situacións de saúde que
as predispoñan a padecer complicacións derivadas da gripe. Tamén, desde
este mesmo ano, o Sergas inclúe como poboación obxectivo aos nenos de
entre seis meses e dous anos de idade que naceran prematuros. Do mesmo
xeito, convídase a recibir a vacina a aquelas persoas que por razóns de
convivencia ou laborais lle poden transmitir a gripe a persoas incluídas
nos colectivos de risco (caso dos traballadores sanitarios) e a
profesionais que desenvolven servizos esenciais á comunidade.