O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu de que
Feijóo ten mañá a “proba de fogo” da centralidade política da que
“alardea”, despois de anunciar que deixaría a súa militancia no PP se
chegase a acordos con forzas extremistas.
“Se o PP
permite a entrada de Vox na Mesa do Congreso, Feijóo terá que dar
indicacións aos deputados galegos do PP e darse de baixa”, incidiu
Gonzalo Caballero, quen sinalou que a alternativa será “amosar o seu
cinismo e dicir aos galegos que engana cando fala de centralidade”.
De
feito, tras alertar sobre que Vox é “unha hidra” á que non se pode
permitir que se siga “estendendo” polo sistema político, o líder dos
socialistas galegos recordou que “ningún conservador europeo” pecharía
acordos con forzas de extrema dereita.
Crise sanitaria
En
paralelo, Gonzalo Caballero sinalou que a crise da sanidade pública
galega “é cada vez máis grave”, polo que instou a Feijóo a “rectificar”. Trala “histórica” manifestación que tivo lugar en Verín o
pasado sábado contra “o peche continuo de servizos” no seu hospital, o
máximo dirixente do PSdeG lamentou que cada vez son máis “os retrocesos e
os deterioros” no sistema público de saúde.
Ademais,
nunha Galicia que perde poboación, chamou a atención sobre que a
eliminación de servizos en base ao número de persoas ás que afecta
redundará en recortes en “ducias de concellos”. “E nun país con salarios
e pensións máis baixos que na media de España e con problemas de
mobilidade, hai que comprometerse e traballar na captación de persoal”,
concluíu, consciente de que “a sanidade pública ten que ser unha
prioridade”.
Así mesmo, Gonzalo Caballero recordou que o
PSdeG sempre dixo que “a decisión de Feijóo de eliminar as áreas
sanitarias era un punto de profundización nos recortes e na redución da
carteira sanitaria“.
Relevo na portavocía
Finalmente,
o voceiro do PSdeG na Cámara galega respondeu aos xornalistas sobre a
chegada do AVE a Galicia para destacar o compromiso do goberno de España
con esta infraestrutura.
”Non hai ningunha decisión
política nin orzamentaria do goberno que implique un retraso na chegada
do AVE”, subliñou para contrapoñer este feito coa ausencia de inversións
na etapa na que Ana Pastor era a ministra de Fomento con Rajoy. Departamento de comunicación