A portavoz
nacional, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Nestor Rego, destacaron que a
presenza do BNG na Cámara baixa supón un punto de inflexión que porá fin á
discriminación do Estado con Galiza dos últimos anos, expresando a vontade
clara de converter o escano nacionalista no escano do pobo galego. Así o
explicaban ambos, momentos antes de arrancar a sesión de constitución das
Cortes do Estado.
“Galiza volve ter voz propia nesta lexislatura da man do
BNG o que vai supoñer un punto de inflexión para acabar coa discriminación a
este país, que estivo excluído dos debates e dos investimentos. É un día no que o escano do BNG se converte
no escano de Galiza”, subliñou Pontón.
Para Rego, o arranque desta
lexislatura ten unha diferencia fundamental, “porque coa presenza do BNG Galiza
vai estar presente en todos os debates políticos desta cámara coa vontade de
que todos os problemas do país atopen solución. Levamos moito tempo esperando,
tras anos de esquecemento por parte do Estado e é hora de que isto mude”,
recalca.
“E unha lexislatura na que se ten que
dar un desbloqueo da axenda galega, porque até agora os nosos problemas ou ben
eran ignorados ou desde Madrid se tomaban decisións que ían contra os nosos
intereses, e queremos usar a forza dos votos que nos deron o 10N para poñer en
marcha una axenda galega que aporte solucións ás urxencias como a crise industrial
das electrointensivas, ás infraestruturas, ao saneamento integral das nosas
rías, á modernización do ferrocarril”, explicou Pontón.
“Imos ter unha actitude construtiva
pero tamén moi firme na defensa dos intereses dos e das galegas, solucións ás
infraestruturas pendentes, ás necesidades económicas, aos dereitos sociais e nacionais e da
democracia atacada. Esperamos que esta posición encontre receptividade nun
contexto sen maiorías absolutas e que isto implique un cambio a favor de Galiza
para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas e
que a nosa nación sega avanzando en dereitos e liberdades”, afondou o deputado
nacionalista.
O desbloqueo da axenda galega,
salientou a portavoz nacional, “ten que ser unha prioridade nesta lexislatura e
ese é o compromiso que adquirimos, estamos nunha Cámara na que non hai maiorías
absolutas e o diálogo é necesario onde o peso do nacionalismo é cada vez maior
poñendo de manifesto que hai unha serie de reivindicacións que o Estado non
pode ignorar”.
Estado plurinacional
Neste sentido, o BNG subliña que nos
últimos anos “houbo unha involución democrática, de dereitos e liberdades que
afectan ás persoas pero tamén aos pobos, e desde Galiza queremos contribuír á
defensa da liberdade, dos dereitos e da democracia, a defensa de Galiza como
nación, onde o Estado ten que recoñecer esa existencia dun Estado
plurinacional, pluricultural e plurilingüe, e non pode seguir pechando os ollos
ante esa realidade porque é como querer poñerlle portas ao campo”, argumenta Pontón.
Entre os primeiros asuntos que
abordará o Bloque, -avanzou Rego-, o BNG vai reclamar a transferencia de salvamento
marítimo e de loita contra a contaminación, tras constatar co accidente de Blue Star que 17 anos despois do Prestige, as costas galegas seguen igual
de indefensas. Departamento de comunicación