A Executiva Nacional do BNG acordou
non participar na rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura de
presidente do Goberno español. A decisión do BNG non só parte da súa profunda
convicción republicana e soberanista, senón tamén de avaliar moi negativamente
o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto
actual.
Nun momento de profunda involución democrática no
Estado, en que se están a pór en cuestión dereitos fundamentais e liberdades
públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante nese proceso,
especialmente contra as nacións que facemos parte deste Estado e contra o
exercicio dos dereitos colectivos, -como é o de autodeterminación-, que como
tales nos corresponden.
Ademais, resulta cada vez máis inxustificábel o
mantemento dunha institución anacrónica como a monarquía, incompatíbel cun
sistema que se queira democrático, en que a Xefatura do Estado debe ser electa
polos cidadáns e cidadás. Non se sostén en parámetros democráticos unha
xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso, español, reinstaurada
polo ditador Francisco Franco.
É o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén
nos colectivos como pobo. Por iso, o BNG reafirma o seu compromiso coa defensa
dunha Galiza con plena capacidade para decidir por si propia sobre os seus
asuntos de maneira soberana como premisa para podermos construír un país novo,
libre e próspero. Ese compromiso plásmase en que fronte a este Estado
español unitario e cada vez máis autoritario que encarna a monarquía, optamos
por defender unha Galiza soberana e republicana. Departamento de comunicación