Galicia promove desde hoxe e ata
mediados de decembro a súa oferta de turismo náutico e os servizos dos
seus portos deportivos no Salón Náutico de París. Trátase dun dos
certames máis relevantes de Europa vinculados a este sector no que
participan máis 800 expositores de 25 países e que só na edición do ano
pasado foi visitada por máis de 200.000 persoas.
A directora de
Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia,
Susana Lenguas, visitaron hoxe a feira na que a Comunidade galega
participa cun expositor na área dedicada a turismo para reforzar a imaxe
do destino Galicia no mercado e segmento náutico francés con especial
incidencia en produtos e recursos relacionados coa oferta de turismo
náutico e xeral de Galicia.
O Salón Náutico de París -no que
Galicia participa desde hai 20 anos- tamén posibilitará a toma de
contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os
empresarios do sector que teñan presenza no certame. Por iso, ademais da
parte estritamente turística a través da Consellería de Cultura e
Turismo, dentro da súa liña estratéxica de promoción da náutica
recreativa en Galicia e do sistema portuario autonómico, a Xunta tamén
ten presenza estes días a través de Portos de Galicia.
O ente
público dependente da Consellería do Mar asiste a este tipo de certames
co obxectivo de difundir a súa aposta por un sistema portuario
integrado, un sistema único que contribúa a gañar en competitividade, e
de promocionar as potencialidades das súas infraestruturas e servizos
portuarios.
Ademais coa presenza en certames como este Galicia reforza o
seu posicionamento internacional en turismo náutico ao que contribúen
cifras como a de tránsitos acadada o ano pasado polos portos náuticos,
que recibiron por primeira vez máis de 10.000 embarcacións
náutico-recreativas.
No eido estritamente turístico o mercado
francés é un dos mercados dos que proceden máis viaxeiros. Concretamente
é o sexto, por detrás de Portugal, Alemaña, EEUU, Italia e Reino Unido.
No que levamos de ano recibimos máis de 73.000 viaxeiros franceses que
fixeron máis de 121.000 noites.