Os ingresos dos gandeiros galegos de
vacún de leite superaron os 731 millóns de euros nos dez primeiros meses
de 2019, o que supón un incremento do 3% respecto do mesmo período do
exercicio anterior. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural,
José González, na súa visita á explotación Gandaría Bello SC no concello
coruñés de Trazo, na que estivo acompañado pola alcaldesa da
localidade, Josefina Suárez.
O conselleiro salientou que estes
datos reflicten a situación de estabilidade que vive o sector lácteo
galego e que se pon de manifesto co incremento progresivo de indicadores
coma os prezos e a produción nos últimos meses. De maneira especial,
José González puxo en valor a suba de 0,6 céntimos/litro rexistrada en
outubro pasado (última cifra oficial coñecida) en relación co mes de
setembro, así como o incremento da produción en preto de 8.000 toneladas
no último ano, o que supón un 3,4% máis.
O titular de Medio Rural
lembrou ademais que con estes datos Galicia segue a ser líder nacional
tanto en número de gandeiros como en produción leiteira e avanza tamén
no impulso á transformación e pola posta en valor do leite, algo que se
pon de manifesto a través dos diferentes proxectos industriais en marcha
neste intre en lugares como en Outeiro de Rei, Vilalba ou Curtis. Neste
mesmo sentido, valorou que a nosa comunidade produza o 40% do leite de
todo o Estado e conte con máis da metade das explotacións lácteas do
total nacional.
Apoio da Xunta
Por todo o dito, o
conselleiro subliñou que “este é un sector estratéxico para Galicia”,
que conta co pleno apoio da Xunta. Así, advertiu que só este ano o
Goberno galego investiu 42 millóns de euros nas axudas para o apoio aos
investimentos nas explotacións agrícolas (coñecidos como plans de
mellora), para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e
para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
Neste mesmo
contexto enmárcase -destacou González- a estratexia de dinamización do
sector, que persegue seguir afondando na transparencia e na mellora do
funcionamento da cadea de valor do leite. Para acadar eses obxectivos, o
conselleiro indicou que “seguiremos apostando pola colaboración e o
diálogo, así como por continuar traballando de forma coordinada e
conxunta entre todos os elos da devandita cadea”.
Será mediante o
esforzo en catro grandes retos de futuro do sector, como son a reforma
da PAC, co mantemento das súas axudas nos vindeiros anos; a
profesionalización (de aí a aposta pola formación e a innovación); a
rendibilidade das explotacións, a través da transformación e a mellora
da súa base territorial, coa mobilización de terras, un eido no será
clave a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria.
Seguros agrarios
Por
último, e tamén como demostración dese apoio público aos agricultores e
gandeiros, o conselleiro lembrou que hoxe mesmo o Diario Oficial de
Galicia publica unha nova convocatoria de axudas
para fomentar a contratación de seguros agrarios, dotada con 5 millóns
de euros. Deste xeito, destacou González, “consolidamos o seguro agrario
como ferramenta eficaz e fiable diante dos riscos naturais no sector
agrario, permitindo aos agricultores e gandeiros a obtención de rendas
dignas en caso de sinistros e aportando estabilidade á xestión das súas
explotacións”.
A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos
agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan
titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban
pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2020 e liñas gandeiras dos
plans 2019 e 2020, formalizadas en 2020. Tamén poderán recibir estas
achegas os titulares de explotacións de acuicultura continental.
Contémplanse, así mesmo, os seguros de retirada e destrución de animais
mortos nas explotacións.
En canto ao prazo de presentación de
solicitudes, nos diferentes anexos da orde establécense as datas de
inicio de subscrición de pólizas de seguros correspondentes ás
diferentes liñas que compoñen o Plan de seguros agrarios. As datas
abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de
seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable.
Esta
visita a Trazo do conselleiro completouse cun encontro coas integrantes
da Asociación Mulleres Rurais da localidade, na que escoitou as súas
demandas e inquedanzas e reafirmou o compromiso da Xunta con este
colectivo e co empoderamento da muller no agro galego.