El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O PSdeG presenta "IdeaGaliciaLab"

09-12-2019 16:22:30
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou hoxe o novo laboratorio de ideas dos e das socialistas de Galicia, IdeaGaliciaLab, que ten coma obxectivo servir de enlace entre a sociedade civil e “o partido que vai liderar o cambio”.

Gonzalo Caballero referiuse ao PSdeG como “a casa común do progresismo” e afirmou que o laboratorio de ideas servirá como “caixa de reflexións, razoamentos e proxectos que permitan artellar un plantexamento para a maioría do país”. “Queremos ter as portas abertas a todas as ideas que poidan axudar a encarar unha Galicia máis próspera, sostible e xusta, e facelo a carón da sociedade civil”, destacou.



A cuestión de fondo deste proxecto é a necesidade de “dar solución aos grandes problemas do país” e de “poñer a Galicia na vangarda”. Construír, como dixo o líder dos socialistas galegos, “unha Galicia máis dinámica e próspera”. E, tras poñer en valor que “a forza da militancia socialista é fundamental”, o candidato socialista á Presidencia da Xunta resaltou que “para construír unha Galicia de futuro e de progreso que estea a carón da maioría, temos que abrir as portas á sociedade civil” e a “toda a cidadanía que sente o progreso como algo que referencia a súa actividade” e desexa “aportar ideas” para a Galicia do futuro.



Así, a primeira xornada do laboratorio, que estará coordinado pola xornalista Noelia Otero, terá lugar en Santiago o vindeiro sábado 14 baixo o título ‘Pensando Galicia’. Servirá para presentar o think tank e para abordar de xeito “transversal” a situación que atravesa o noso país a través de dúas mesas de análise.





Xornada de traballo: pensando Galicia



Na xornada de presentación do laboratorio, ademais da coordinadora e o secretario xeral do PSdeG, participarán os presidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, ademais do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a presidenta do ADIF, a lucense Isabel Pardo de Vera.



Na primeira mesa, que abordará ‘Unha Galicia sostible’, participará tamén Pardo de Vera xunto co fiscal delegado de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e membro da Unión Progresista de Fiscais, Álvaro García Ortiz, o catedrático de Política Económica da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias e o catedrático de Ecoloxía da Uvigo Emilio Fernández.



Na segunda, sobre ‘Unha Galicia xusta e innovadora’, falarán o catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo, o catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela Senén Barro, a médica Elisa Ausín, membro da plataforma ‘PACs en Loita’; e a decana da facultade de Educación da Universidade de Santiago, Carmen Fernández Morante. A esta primeira xornada de traballo seguirán outras sectoriais ao longo do país para seguir recollendo “reflexións para artellar a mellor Galicia”. Departamento de comunicación








www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias