O Parlamento de Galicia acolleu hoxe ao mediodía o acto de entrega
dos XXVI Premios de Publicidade en Galego, convocados conxuntamente pola
Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, polo
Parlamento Galego e polo Foro Enrique Peinador co obxectivo de impulsar e
recoñecer proxectos de promoción do uso do galego desde o ámbito
publicitario en cinco categorías: radio, televisión, prensa escrita,
internet e centros de formación de profesionais neste sector.
Participaron
na entrega os responsables das tres entidades convocantes, Miguel Ángel
Santalices, Valentín García e Xosé González. O secretario xeral de
Política Lingüística felicitou os premiados e animounos a seguir “na súa
aposta pola lingua propia de Galicia e a contribuír ao proceso de
normalización lingüística desde a publicidade e o tecido
socioeconómico”, xa que “o galego é, cada día máis, marca de calidade,
denominación de orixe e sinal de proximidade para o consumidor”. “Unha
lingua visible e útil nun mercado fortemente competitivo no que cómpre
posicionala para gañar, entre todos, a batalla da globalización”,
concluíu.
Os Premios de Publicidade en Galego, impulsados ata o
ano 2016 polo Consello Asesor de RTVE-G e pola Corporación RTVG,
recoñecen na súa convocatoria 2019 accións publicitarias difundidas ou
transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de
decembro de 2018.
Os traballos premiados nesta edición foron
Benvidos Novos Larseiros!, da empresa Larsa e da axencia BAP Conde, na
categoría de radio; Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín
Códax e da axencia &Rosás, nas categorías de televisión e de prensa
escrita; Queixos HOXE, da Cooperativa HOXE e da axencia Pío García
Audiovisuais, S.L., na categoría de internet, e Stop_Bullyng, do IES
Leixa de Ferrol na categoría de centro educativo.