El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

GALICIA | ENSINO

O BNG apoia a folga convocada polas organizacións sindicais do ensino

11-12-2019 12:24:27

O BNG apoia a folga convocada por todas as organizacións sindicais do ensino para o 12 de decembro pola recuperación do horario lectivo do profesorado, de tal xeito que as 37 horas semanais se distribúan traspasando horas de docencia nas aulas a incrementar o tempo de traballo que os e as docentes realizan para outro tipo de tarefas como a preparación das materias ou a corrección de exames.  

En concreto, a día de hoxe, a Xunta ten establecido un reparto de 20 horas lectivas para secundaria e 25 para primaria e o profesorado demanda recuperar ás 18 horas lectivas en secundaria e as 20 en primaria, convencido de que iso melloraría a calidade do ensino a favor do alumnado.  

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, acusou ao presidente da Xunta de ser “o alumno avantaxado do PP á hora de recortar dereitos ao profesorado e, ademais dos recortes salariais, da imposición de taxas de reposición e da destrución de postos de traballo no ensino público, en 2011 a Xunta aumentou o horario lectivo do profesorado incumprindo o acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais en 2007”.  

Esta decisión foi adoptada antes mesmo de que o Ministerio de Educación impuxese en 2012 o mínimo de 20 períodos lectivos en educación secundaria e 25 en primaria, “incorrendo ademais nunha invasión competencial sen precedentes”. Rodil considera que a Xunta non ten ningún argumento para manter o incremento lectivo, despois de que o Executivo central rectificase ese reparto das 37 horas de traballo semanal que realizan o persoal docente, “pero aínda así o Goberno de Feixóo continúa negándose a atender as demandas do profesorado”.  

O BNG considera que atender as demandas do profesorado “permitiría incrementar os postos de traballo, especialmente en secundaria, favorecer os desdobres e agrupamentos para unha mellor calidade e atención educativa así como reducir o número de docentes que actualmente están a impartir materias afíns das que non son especialistas”. 

Por iso, o Bloque traslada o seu apoio á xornada de folga do 12 de decembro e fai un chamamento á participación ao conxunto do profesorado galego, ao tempo que demanda á Xunta que sente a negociar coas organizacións sindicais a restitución dos seus dereitos laborais. 


Universidade privada ABANCA

En relación á posta en marcha dunha universidade privada auspiciada por ABANCA, a viceportavoz parlamentaria expresou a “preocupación” do BNG pola decisión da Xunta de continuar con ese proxecto despois de que as tres universidades públicas, a través dos seus reitores, manifestaran o seu rexeitamento a este proxecto no Consello Galego de Universidades. 

“Suporía grandes distorsións e duplicidades no Sistema Universitario Galego e prexudicaría ás tres universidades públicas que levan anos soportando recortes e restricións orzamentarias e duras decisións políticas da Xunta que as obrigan a introducir mudanzas no mapa de titulacións sen apoio económico”, explicou Rodil. 

Semella que o PP “ten máis vontade por facilitar os desexos de ABANCA que por escoitar e defender os dereitos e intereses das universidades públicas do noso país”, criticou, para instar ao Goberno de Feixóo “a non pregarse” aos intereses dunha entidade financeira privada, que escoite a comunidade universitaria galega e defenda o sistema público de universidades. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias