A Xunta trasládalle ao Goberno estatal
unha proposta para evitar máis incrementos extraordinarios nas peaxes da
AP-9 e aplicar novas bonificacións do 25 % nas viaxes de ida e volta no
día. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel
Vázquez, vén de remitirlle ao secretario de Estado de Infraestruturas,
Pedro Saura, unha proposta que contén dúas medidas concretas para paliar
o impacto das peaxes nas economías familiares e na competitividade de
Galicia.
Por unha parte, esta alternativa céntrase na revisión da
aplicación do Real Decreto que fixa o aumento de tarifas do 1 %
acumulativo durante 20 anos para financiar a ampliación da autoestrada
en Santiago e na ponte de Rande.
Trátase de revisar o acordo
pechado en 2011 coa concesionaria, eliminando os pagos inxustificados,
xa que, de cumprirse nos seus termos, suporá que os galegos paguen a
Audsasa mediante as peaxes un total de 1.400 millóns de euros por unhas
obras que custaron preto de 230 millóns.
A Xunta propón que o custo das
obras se afronte a través dos Presupostos Xerais do Estado en lugar de
con subas de peaxe e sen incluír beneficios inxustificados para a
concesionaria. Así, proponse un pago anual á concesionaria de 53,1
millóns de euros durante 5 anos por parte dos Presupostos Xerais do
Estado que, sumado ás dúas subas de peaxe xa acometidas, permitiría
evitar novos incrementos extraordinarios.
Por outra parte, esta
alternativa do Goberno galego tamén plantexa a bonificación doutro 25 % a
todos os usuarios que realicen traxectos de ida e volta no día pola
AP-9 e que sería complementaria á que xa se vén aplicando. Vázquez
Mourelle cualificou estas medidas de realistas e viables e concretou
que son froito dun intenso traballo de estudo que realizou a Xunta para
avanzar cara un maior equilibrio territorial en materia de peaxes no
conxunto de España e paliar a desigualdade de Galicia.
Destacou na
misiva a preocupación da Xunta por mor da desigual evolución das peaxes
nas autoestradas do Estado, xa que mentres a AP-9 afrontará subidas de
tarifas no 2020 e sucesivos anos, outras vías como as de Sevilla- Cádiz
ou Tarragona- Alicante, deixarán de ser de pago. Explicou que
estas subas nos prezos da principal arteria de comunicación de Galicia
están xerando un desequilibrio ao se acentuar as desvantaxes da súa
situación xeográfica periférica e reforzar a asimetría territorial en
termos de mobilidade e competitividade.
Subliñou que fronte a
estes incrementos nas tarifas da AP-9, a Xunta está a facer un
importante esforzo para minimizar o impacto das peaxes das autoestradas
autonómicas nas familias e na economía galega. Para isto, precisou que o
próximo ano as tarifas non aumentarán e ademais se seguirán aplicando
bonificacións nas viaxes de volta como nas realizadas en horario
nocturno e se comezarán a efectuar descontos ás familias numerosas.
Ethel
Vázquez tamén lle solicitou ao secretario de Estado de Infraestruturas a
convocatoria dunha nova xuntanza da comisión da AP-9 para abordar
conxuntamente a proposta de actuación hoxe remitida.Cómpre
lembrar que esta comisión foi constituída en 2017 pola Xunta e o
Ministerio de Fomento e ten demostrado ser un foro de colaboración
institucional de utilidade.