MADRID | Néstor
Rego, do BNG, acaba de presentar hoxe no rexistro do Congreso dos
Deputados unha iniciativa parlamentaria, demandando ao Goberno
central unha rebaixa das abusivas peaxes e a transferencia da AP-9.
En
Galiza existe unha demanda social unánime para acabar coa estafa das
peaxes da AP-9, que se reflicte tamén na reclamación unánime do
Parlamento de Galiza da transferencia dunha vía que previamente debe
ser rescatada polo Estado e á que, como mínimo e de forma
inmediata, deben ser aplicadas rebaixas e descontos significativos.
O
Bloque Nacionalista Galego rexeita a autorización por parte
Ministerio de Fomento para unha nova suba das peaxes que se producirá
a partir de 1 de xaneiro de 2,64%, no que supón o terceiro ano con
maior incremento de tarifas de todo o Estado español e que acumula
unha suba de 30% en apenas 10 anos.
Coas
subidas anunciadas, as peaxes entre A Coruña e Vigo pasarán a ser
para turismos de 16,85 euros, 0,45 euros máis que na actualidade. E as
distancias máis longas da autoestrada, Ferrol-Tui, pasarán a pagar
uns 22,10 euros, 55 céntimos máis que este ano.
Os grandes vehículos
como camións e autobuses pasarán a pagar unha tarifa de 36,35 euros
entre Vigo e A Coruña, uns 95 céntimos de subida, mentres que o
traxecto Ferrol-Tui situarase en 48,35 euros por viaxe, 1,25 euros máis
que agora; é dicir: un percorrido entre o norte e o sur de Galiza
situarase para un vehículo pesado preto dos 100 euros.
Os
sectores máis afectados son, sen dúbida, os usuarios habituais
-fundamentalmente traballadores e traballadoras que ven obrigados a
utilizar esta vía por razóns laborais-, as empresas -especialmente
de transporte- e transportistas autónomos. A carga das peaxes nos
custos de produción das empresas provoca que, en moitos casos,
óptese polo uso de vías convencionais, coas consecuencias negativas
que isto carrexa para o conxunto da poboación, especialmente polo
incremento dos riscos de accidentes.
Ademais,
estamos diante dun agravio comparativo que sofre o noso País, xa
castigado polo déficit en infraestruturas de comunicación modernas,
sustentables e adecuadas ás necesidades do século XIX. Observamos
como outras autoestradas do Estado pasaron a ser gratuítas, ou o
farán en breve. É o caso da AP-1 (Burgos- Armiñón), ou da AP-4
(Sevilla-Cádiz) e a AP-7 (Tarragona-Valencia) a partir do 1 de
xaneiro de 2020. A isto haille que engadir o recente rescate das
radiais madrileñas con diñeiro público e a subseguinte rebaixa das
tarifas.
Outras
autoestradas finalizarán as súas concesións no ano 2021. A partir
dese momento, Galiza quedará, con 326 km, como como o territorio con
máis quilómetros de vías de pago en todo o Estado. Departamento de comunicación