O responsable do Goberno galego, Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o novo
Acordo do Diálogo Social contará cun orzamento de 52 millóns de euros para activar o
mercado laboral galego. O obxectivo é que o 100% das medidas
asinadas cos sindicatos UXT e CC.OO. e coa Confederación de Empresarios
de Galicia (CEG) estean deseñadas e a disposición da Mesa de Diálogo
Social no “primeiro semestre do ano 2020 para a súa implementación de
forma inmediata”, sinalou Feijóo.
Feijóo valorou que, aínda que
non é fácil, é imprescindible acadar acordos de diálogo social. As
organizacións sindicais, as empresariais e a Xunta “temos que debater,
temos que propor, temos que colaborar, temos que acordar e temos que
decidir”, aseverou.
Ademais do impulso do emprego, o presidente do
Goberno galego incidiu na importancia de que “organizacións sindicais,
organizacións empresariais e Xunta de Galicia temos un discurso común e
único en materia de Industria 4.0 e de transición enerxética. Sabemos o
que queremos facer, sabemos como facelo e vamos a defendelo
conxuntamente”.
Polo que respecta ás medidas incluídas neste novo
Acordo do Diálogo Social, destaca o compromiso de poñer en marcha un
plan de recualificación profesional para persoas paradas de longa
duración maiores de 45 anos, que contará cun orzamento de 500.000 para
acompañar a este colectivo nas súas necesidades de motivación,
orientación, formación, inserción laboral e medidas de acompañamento.
Tamén
se desenvolverá un programa de axudas para a contratación de remudistas
cun financiamento de 1 millón. Os apoios para as pemes -7.500 euros-
implican a contratación a xornada completa e por tempo indefinido. No
caso de que a persoa contratada sexa muller, unha persoa con
discapacidade ou se a empresa está relacionada cos sectores estratéxicos
galegos, as axudas incrementaranse nun 5%. A maiores, a Xunta reserva 4 millóns para habilitar axudas para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións económicas.