Andalucía, Castela e León, Estremadura e
Galicia reforzan o seu compromiso para impulsar a Vía da Prata como
elemento dinamizador dos seus territorios, o que poderá ter especial
incidencia no rural e en zonas con problemas demográficos. Con este
obxectivo reúnense hoxe e mañá en Santiago os responsables das áreas de
Cultura e Turismo das devanditas comunidades.
En concreto,
participan a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de
Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura e Turismo da
Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura,
Turismo e Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o
conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez,
no marco do Encontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata inaugurado
esta tarde e que se celebra no Centro Internacional de Acollida ao
Peregrino de Santiago.
O titular de Cultura e Turismo da Xunta
agradeceu a presenza en Galicia dos seus homólogos nas comunidades polas
que transcorre a Vía da Prata e destacou que se trata “dun dos máis
importantes itinerarios xacobeos”, ao tratarse dun Camiño que vertebra
toda España de norte a sur. Precisamente, durante o acto de apertura do
encontro, os responsables de Cultura destas catro autonomías coincidiron
na necesidade de traballar conxuntamente na coordinación, posta en
valor e difusión deste itinerario con acreditado valor histórico,
artístico e cultural.
Os conselleiros participantes esperaron que
este foro permita potenciar sinerxias para aproveitar a proxección do
próximo Xacobeo 21 como oportunidade para dinamizar este roteiro e os
núcleos de poboación que atravesa, a maior parte deles concellos do
rural. Neste sentido, lembraron que este ano, a Vía da Prata foi
percorrida xa por máis de 9.000 persoas, aínda que puntualizaron que
dispón dun gran potencial de crecemento grazas á súa riqueza patrimonial
e natural.
A conselleira de
Cultura e Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo,
destacou a importancia que o Camiño de Santiago tivo “na historia de
España en xeral pero de Andalucía en particular, estando vinculada a
lugares emblemáticos como Itálica ou a propia Catedral de Sevilla”. Del
Pozo insistiu en que “a cultura, no seu sentido máis amplo, é a mellor
embaixadora de Andalucía e da súa forma e modo de entender a vida”, polo
que avogou “polo maior dos acordos e do traballo coordinado e conxunto
entre comunidades e administracións para apostar, de maneira
transversal, pola cultura como dinamizadora turística e económica,
aproveitando esta arteria que atravesa España que é o Camiño de
Santiago”.
Nesa liña, o conselleiro de Cultura e Turismo de
Castela e León, Javier Ortega, subliñou que a cooperación entre estes
territorios é “imprescindible para conseguir un futuro mellor,
traballando para que a cultura e o turismo se consoliden e afiancen como
motores de desenvolvemento local e contribúan ao equilibrio
territorial, como o fan os nosos roteiros históricos”.
Pola súa
banda, a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Junta de
Extremadura, Nuria Flores Redondo, declarou que espera que este encontro
reforce a colaboración para a posta en valor da Vía da Prata como
itinerario cultural e turístico dentro da Marca España, e impulse a
inclusión das comunidades do sur de España (Estremadura e Andalucía) no
Consello Xacobeo do Ministerio de Cultura e Deportes.
En
representación de Galicia, Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta no
impulso da Vía da Prata, acometendo actuacións de mellora do trazado,
de sinalización, iniciativas para avanzar na atención e acollida dos
peregrinos, como a posta en marcha de novos albergues en Ourense, A
Gudiña ou Oseira, así como outras actividades de dinamización e
promoción cultural neste roteiro.
Programa de traballo
Durante
a xornada de mañá os responsables de Cultura e Turismo participarán cos
seus equipos en diferentes reunións de traballo para abordar, entre
outros asuntos, a conservación do patrimonio cultural do Camiño, a súa
importancia para o desenvolvemento económico das zonas rurais ou a
sinalización e conservación dos itinerarios.
Acto seguido, terá
lugar unha mesa redonda para abordar a incidencia da Ruta Xacobea no
territorio. Nela, participarán o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada,
que explicará o impacto socioeconómico da Ruta Xacobea nun concello
como o seu, situado no Camiño Francés; o presidente da Agrupación
industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que abordará a
relevancia deste fenómeno achegando o punto de vista do sector; e o
presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, como
representante dunha entidade que xestiona un albergue, neste caso o de
Pontevedra, e que desenvolve un intenso labor a favor da peregrinación.