Despois de tres anos consecutivos nos
que os meses de setembro, outubro e novembro estiveron marcados en
Galicia pola seca, as chuvias volveron con forza este outono á
comunidade. Segundo o último informe climatolóxico elaborado por
MeteoGalicia, a estación foi cálida en canto ás temperaturas e moi
húmida no que respecta ás precipitacións, ata o punto de que choveu un
44% máis do habitual en comparación co período de referencia 1981-2010.
Estas
foron as principais características dun outono que, sen embargo,
presentou comportamentos moi diferenciados entre os distintos meses.
Así, mentres setembro rexistrou en xeral temperaturas cálidas para esta
época do ano, outubro e sobre todo novembro presentaron valores máis
próximos ao que podería considerarse normal. En todo caso e tendo en
conta a estación no seu conxunto, o outono foi cálido en Galicia, cunha
temperatura media obtida a partir das estacións meteorolóxicas máis
representativas de 14,7 graos, é dicir, 0,24 graos máis do esperado. Os
valores máis extremos deste período se concentraron na montaña ourensá,
destacando os 7 graos de temperatura media de Cabeza de Manzaneda, e
nas zonas costeiras da Coruña e de Pontevedra, onde chegaron a superarse
os 16 graos.
En todo caso, o máis significativo do outono
climatolóxico en Galicia foron as precipitacións. Así, despois de tres
anos consecutivos nos que a palabra seca estivo invariablemente ligada a
esta estación, o período comprendido entre setembro e novembro de 2019
caracterizouse polas intensas e continuas chuvias.
A precipitación
media nas 16 estacións máis significativas foi de 584 litros por metro
cadrado, o que se traduciu nunha anomalía positiva do 44% con respecto
aos valores normais. Estes espectaculares rexistros explican porque
Galicia acaba de despedir o outono máis húmido da última década. De
feito, hai que remontarse ao ano 2006 –cando choveu un 55% máis do
agardado- para atopar unha anomalía pluviométrica aínda máis relevante.
En
calquera caso, o comportamento da chuvia tamén foi desigual nestes tres
últimos meses. O período comezou cun setembro que se pode considerar
normal en canto á cantidade de auga recollida no conxunto da comunidade e
unha primeira parte de outubro –aproximadamente ata o día 11- seca. As
frontes que alcanzaron a comunidade na segunda metade do mes, sen
embargo, equilibraron a situación, contribuíndo a que en xeral outubro
acabara sendo un mes normal en moitos puntos de Galicia e húmido
nalgunhas zonas.
Novembro foi, en todo caso, o que marcou a
diferencia, con precipitacións moito máis frecuentes e abundantes do
normal nun mes xa caracterizado habitualmente pola súa alta
pluviosidade, o que fai que os valores rexistrados sexan aínda máis
relevantes. As anomalías pluviométricas para este período se situaron un
104% por riba do normal en comparación co período de referencia, e
nalgúns puntos da comunidade, de feito, chegaron a rexistrarse ata 30
días de chuvia consecutivos.
En canto á distribución zonal, os
valores máis altos de auga acumulada concentráronse o pasado outono no
oeste da Coruña e na provincia de Pontevedra, onde se chegaron a superar
os 1.000 l/m2. No extremo contrario, as cantidades de chuvia máis
modestas recolléronse principalmente no interior de Ourense e en zonas
do sur de Lugo, con zonas concretas nas que non se chegaron aos 200
l/m2.