A
portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na
manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de Alcoa en Lugo
para reclamar unha solución que garanta a produción o os postos de traballo,
tanto na factoría de San Cibrao e da Coruña, como no resto de empresas grandes consumidoras
de electricidade.
“Estamos aquí para trasladar todo o
apoio do BNG e para denunciar que estamos nun momento crítico con miles de
postos de traballo en xogo no sector do aluminio que baixo ningún concepto
podemos deixar caer, porque sería o colmo do esperpento que sendo Galiza unha potencia
eléctrica en lugar de servir para crear riqueza e emprego sirva para seguir
engordando os beneficios das eléctricas”, denunciou.
Pontón deixou claro que a situación de
crise no sector industrial ten como responsables ao PP e ao PSOE.
“O PP pola súa incapacidade para
liderar unha alternativa desde a Xunta e porque son os autores do marco
enerxético que nos levou a esta situación, e o PSOE porque se comprometeu a ter
unha solución no pasado mes de abril e o único que vemos son medidas que
agravan o problema”, indicou, en relación á última poxa eléctrica que prexudica
á factoría.
“Alcoa ten futuro porque sabemos
producir aluminio pero é necesario que haxa vontade política, que o Goberno do
Estado se molle e aprobe sen máis demora o estatuto das electro-intensivas que
signifique unha rebaixa do custe da luz e permita ás empresas ser competitivas.
Esa baixada debe acompañarse de esixencias concretas ás empresas beneficiadas:
manter os postos de traballo e investir en modernización”.
Pontón tamén resaltou a urxencia de
poñer en marcha a mesa de ALCOA comprometida pola ministra de Transición
Enerxética, Teresa Ribera, na súa visita á factoría de San Cibrao, “que se poña
a traballar”, -reclamou-, porque a non pode agardar máis para ter unha solución.
“Toca que os gobernos da Xunta e do Estado estean á altura das circunstancias
para que non se perda nin un só posto de traballo”, concluíu. O estatuto das
electrointensivas é unha das cuestións clave que forma parte da axenda galega
do BNG ante o Goberno do Estado. Departamento de comunicación