O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mostrouse sorprendido hoxe de que o fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, participara nun acto político dos socialistas galegos. O dirixente popular cre que a súa presenza activa nun encontro no que se criticou abertamente a xestión de Xunta de Galicia pon en cuestión a súa neutralidade.
Do mesmo xeito, lembrou que Pedro Sánchez presumiu durante a campaña electoral de que os fiscais obedecían as súas ordes e preguntouse se a presenza dun fiscal en activo nun acto político e marcadamente electoral dos socialistas galegos vén a confirmar que, nalgúns casos, o PSOE si exerce esa influencia sobre determinados fiscais.
O número dous dos populares galegos considera urxente unha explicación por parte do fiscal de Medio Ambiente, posto que non pode participar neste tipo de actos sen que o seu crédito e ecuanimidade queden marcados. E mostrou as súas dúbidas acerca de que unha persoa á que se lle presupón neutralidade no ámbito da Xustiza poida vincular o seu cargo a ningún partido político.
Tellado lamentou que, no seu intento por desgastar á Xunta de Galicia, nin Gonzalo Caballero nin Álvaro García Ortiz teñan problema algún en arrastrar o nome da Fiscalía e metela na loita partidista. Ademais, mostrou ante os medios de comunicación o programa distribuído polo propio PSOE e que, xunto ao seu logo e as súas siglas, recolle o nome e o cargo de fiscal de Medio Ambiente de Galicia; e concluíu que “nin sequera poden alegar que asistiu ao acto a título persoal posto que na convocatoria empregan o seu cargo na Fiscalía de forma expresa”, dixo.
Os populares galegos advirten que analizarán o contido das declaracións vertidas polo fiscal, pero tamén aquelas realizadas antes e despois de que estivera no uso da palabra, a fin de vixiar en que tipo de actos participa Álvaro García e que tipo de aseveracións apadriña coa súa presenza.
Nulo compromiso co AVE dos socialistas
Por outra banda, nas súas declaracións, nas que o acompañaron o presidente da xestora do PP de Santiago, Borja Verea; e a deputada autonómica Paula Prado, Tellado valorou a presenza da presidenta do ADIF no acto organizado polos socialistas e, dende a estación de tren da capital galega, lamentou que o executivo socialista non dea ningunha garantía de que o AVE vaia estar en pleno funcionamento durante o Xacobeo 2021, “igual que o estivo en Sevilla para a Expo ‘92”.
Deste xeito, Tellado volveu insistir no nulo compromiso do Goberno Sánchez con Galicia e lembrou que mentres a Xunta volve aumentar o seu investimento en infraestruturas e segue a cooperar no traballo nas estacións intermodais coma a de Santiago, o executivo central mantén bloqueada a chegada da alta velocidade a Galicia. Departamento de comunicación