O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou hoxe a
primeira xornada do laboratorio de ideas, IdeaGaliciaLab, poñendo en
valor “a alianza da sociedade cun sentir progresista” cunha organización
que “abre as súas portas para incorporar todo o talento e todo o
compromiso”.
Esta “alianza”, como dixo o líder dos
socialistas galegos, evidencia que “hai unha Galicia que quere gañar o
futuro” e que o PSdeG está “en condicións de darlle un goberno mellor”.
De feito, referiu o think tank como “o xermolo dun novo tempo político
en Galicia”. “O PSdeG é un instrumento ao servizo de
Galicia e queremos amosar que somos a esquerda na que se pode confiar”,
recalcou Gonzalo Caballero, antes de presentar como aval o traballo
realizado polos dous presidentes socialistas da Xunta, presentes na
xornada, e de poñer de relevancia o feito de gobernar en tres das catro
deputacións galegas e en cinco das sete cidades.
Así é
que, despois de reivindicar que “temos experiencia e temos equipo”, o
máximo dirixente do PSdeG sinalou a necesidade de “ampliar as nosas
fronteiras” incorporando “as mellores reflexións” da sociedade civil
comprometida para levar adiante un cambio no goberno da Xunta. Trátase,
segundo as súas palabras, de “dar unha nova orientación estratéxica” ao
goberno galego. “Promoveremos unha Xunta emprendedora, innovadora e
progresista”, avanzou Gonzalo Caballero, consciente dos retos que ten
Galicia por diante en innovación, demografía, transición ecolóxica,
territorio e desigualdade.
E é que, tal e como sinalou,
Galicia non pode seguir “no furgón de cola da UE” no que a innovación se
refire, nin rexistrando o peor saldo vexetativo de España, nin cun 25%
da poboación en risco de exclusión. “Fai falla un novo enfoque”,
evidenciou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, partidario
tamén de buscar novos xeitos de produción e de dar pulo ao medio rural
co impulso das cidades.
"Un tempo mellor"
“Hoxe damos un paso adiante para
apostar por un novo goberno na Xunta e temos o reto de facelo entre
todos ao servizo do país”, concluíu Gonzalo Caballero, quen avogou por
construír un proxecto que leve a Galicia a “un tempo mellor”. O obxectivo, como dixo, transcende de “unha lexislatura”, posto que
persegue orientar o futuro de Galicia “para a vindeira década”. De aí
que, engadiu o secretario xeral, a actividade deste laboratorio de ideas
se vaia espallar por toda Galicia con xornadas de traballo sectoriais
nos distintos eidos.
"Futuro o para o país"
Na
inauguración tamén interviñeron os presidentes socialistas da Xunta,
Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, ademais da presidenta do
ADIF, Isabel Pardo de Vera; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo,
e a coordinadora de IdeaGaliciaLab, Noelia Otero.
Pérez
Touriño saudou a iniciativa do laboratorio de ideas dende a óptica da
importancia de “ensanchar” o partido e da necesidade de abordar “con
reflexión” as cuestións fundamentais para Galicia, como a mellora do
mercado de traballo ou a crise demográfica.
“Somos os que
estamos nas mellores condicións para dar futuro ao país”, aseverou, ao
que González Laxe engadiu que “temos a grande oportunidade de plantexar
un cambio en Galicia que non podemos desbotar”.
Por iso,
pediu ao partido “traballar arreo” para recuperar “valores da sociedade
galega como o compromiso, o esforzo e a responsabilidade” que o PP de
Feijóo está “tentando debilitar” e para “combater con argumentos e sen
medos nin complexos” cos adversarios políticos.
Pola súa
banda, Isabel Pardo de Vera fixo fincapé na importancia da “reflexión”
na política e puxo o foco na importancia da loita contra o cambio
climático e o papel da mobilidade neste eido. E Galicia, recordou, ten
“moitísimas potencialidades e riquezas” ambientais, polo que chamou a
pulir o deseño do mapa de transporte.
“Ilusión” e
“confianza” foron os conceptos sobre os que xirou a intervención do
rexedor compostelán, consciente de que en menos dun ano “temos unha
oportunidade clara” de dar a Galicia un goberno progresista. Finalmente, Noelia Otero saudou a creación de IdeaGaliciaLab para aportar reflexións enfocadas a que “Galicia avance”. Departamento de comunicación