O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, falou hoxe da
“estratexia política das dereitas e da ultradereita” despois de que
Ortega Smith recoñecese que “quere salvar ao soldado Feijóo do batacazo
electoral” que levará en Galicia, seguindo así o ronsel de pactos que xa
firmaron en Andalucía, Murcia e Madrid.
“Ortega Smith
veu a Galicia a dicir que os votos de VOX están a disposición do PP para
tentar acadar un goberno das dereitas coa ultradereita cando haxa
eleccións autonómicas”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, quen puxo
de relevo que o número dous de Abascal revelou “o que Feijóo non quería
admitir: que estaría disposto a sumar coa ultradereita para manter a
Xunta”.
A alianza de Feijóo coa ultradereita, segundo
Gonzalo Caballero, é “un golpe directo ao noso autogoberno e ao
galeguismo extensivo, integrador e comprometido co que construímos o
país dende o Estatuto de Autonomía”. Con todo, referiu que a suma de PP,
Ciudadanos e Vox non superou nas dúas últimas eleccións xerais o 44%
dos votos de Galicia, fronte ao 55% acadado polas forzas de progreso
lideradas polo PSdeG.
Así pois, o candidato socialista á
Presidencia da Xunta avanzou traballo “para fortalecer esa maioría
social progresista e frear á coalición das dereitas e da ultradereita
que pon en risco o que queremos para Galicia”.
"Tómbola" de Feijóo
Ademais,
na súa comparecencia ante os medios, Gonzalo Caballero sinalou que
“Feijóo está enganando de xeito continuo” no que atinxe ao paridoiro de
Verín, nunha sorte de “tómbola” na que cada día di “unha cousa
distinta”.
“Que se non hai seguridade, que non hai
médicos...”, recordou o líder dos socialistas galegos, para concluír que
este caso “exemplifica a política de recortes que Feijóo está aplicando
no ámbito sanitario, especialmente no medio rural” e o feito de que “a
súa palabra non vale nada”. “En función dos seus intereses, di unha cousa e a contraria”,
reprobou Gonzalo Caballero, consciente de que “Galicia non ten un
presidente da Xunta á altura da confianza que os galegos merecemos”. Departamento de comunicación