O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, garantiu hoxe aos galegos e visitantes 10 actividades ao
día e 313 escenarios para celebrar o Xacobeo da mellor Galicia durante
os próximos dous anos. “Ao longo de 2020 e 2021, Galicia vivirá os
primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea”,
dixo, subliñando que o avance da Programación do Xacobeo 2021,
presentado esta mañá xa conta con recursos, está consolidado, é
descentralizado e é completo.
Baixo a previsión dunha asistencia a
todos os eventos de máis de 7 millóns de persoas, Feijóo aseverou que,
se ben o escenario principal será Santiago, haberá outros 312 por toda a
Comunidade, coa posta en marcha de máis de 180 proxectos nos que se
inclúen máis de 7.000 actividades.
“Constatamos que os galegos
estamos implicados por completo na celebración do Xacobeo dos 5.000
días”, sentenciou durante a reunión da Comisión Organizadora, que dá
continuidade á xuntanza que tivo lugar no mes de xullo. Alí agradeceu á
Igrexa Católica, e especialmente ao Arcebispado de Santiago, ao
Concello, ao conxunto de municipios representados pola Fegamp, ao resto
do Estado, representado pola Delegación do Goberno, e a todos os axentes
implicados o traballo que están a facer polo Xacobeo 2021, e pediulles
“que esta relación continúe”.
Feijóo aseverou que o documento
presentado está vivo e suxeito a modificacións e engadidos, “porque
seguimos traballando nel; porque seguimos esperando por respostas do
Goberno central, agardando cal é a súa implicación real unha vez haxa
unha toma de posesión; e porque contamos coa participación activa das
deputacións e dos concellos, que estou seguro que unha vez lles
presentemos esta folla de ruta, se irán unindo, e irán modificando e
propoñendo”, explicou.
Un Xacobeo para todos, con todos e en toda Galicia
Para
facer un Xacobeo 2021 para todos, con todo e en toda Galicia, o
responsable do Executivo autonómico aseverou que o obxectivo é “que
abranga toda Galicia, que haxa actos en toda Galicia e que os actos
sexan numerosos en contidos”. Ao fío disto, referiuse á posta en
marcha de numerosas iniciativas que demostran o compromiso da Xunta con
este fin como: o programa O teu Xacobeo, grazas á cal os galegos están
facendo realidade centos de proxectos artísticos, culturais, sociais ou
innovadores en toda a Comunidade, cun apoio de 8 millóns de euros; ou o
Son do Camiño, “que está entre os catro festivais máis importantes de
España e só leva dúas edicións” –dixo-, no Monte do Gozo. Un evento xa
consolidado e ben rodeado durante o verán das demais citas que conforman
Fest Galicia, coa que se confirma a nosa terra como destino musical.
Por
outra banda, e de cara a reforzar a promoción internacional do Xacobeo,
Feijóo salientou o proxecto 3Camiños, unha serie de ficción que se
rodará en 3 continentes e 5 países, cun argumento que se artella arredor
dun grupo de mozos que, nun momento crucial das súas vidas, deciden
emprender o Camiño de Santiago, e que se distribuirá internacionalmente,
cunha audiencia prevista de 5 millóns de espectadores. “Unha
promoción que se fará de forma explícita en Dublín, Portugal e Roma”,
precisou, ao que engadiu a apertura na capital italiana, o vindeiro ano,
dunha Oficina de promoción turística.
Tres grandes exposicións, Xacobeo Cidades, Xacobeo en Camiño
Por
outra banda, un total de tres grandes exposicións debuxarán o Ano Santo
desde unha perspectiva nunca vista. A primeira delas, Galicia, un relato no mundo, xa está en marcha e é a máis visitada da historia da Cidade da Cultura; de maio a decembro do ano que vén, abrirase a mostra Galicia de Nós a Nós,
coa que se celebrará o centenario da conformación da Xeración Nós e da
Revista Nós, xunto a outros eventos ao longo de todo o 2020; e a
exposición Galicia Futuro terá lugar de
abril a setembro de 2021, cunha reflexión do futuro da comunidade tendo
en conta os ámbitos sociais, económicos e culturais.
No apartado da edición literaria, xa están en marcha dúas publicacións baixo o título A Catedral de Santiago: unha visión integral. A restauración e conservación da Catedral 2011-2027,
que farán accesible para o público non especializado a fascinante
historia da Catedral, desde o inicio da súa construción ata os nosos
días, co relato de destacados especialistas.
Así mesmo, e para que
o Xacobeo 2021 sexa para todos e con todos, desenvolverase o Xacobeo
Cidades, con música, artes escénicas ou exposicións organizados en
colaboración cos concellos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e
Pontevedra; e cunha programación na que están contempladas 120
actividades e ás que está previsto que asistan máis de 300.000 persoas.
Co
mesmo espírito organizarase, tamén, o Xacobeo en Camiño, co que se
chegará ás principais vilas e cabeceiras de comarca, uns 76 concellos, a
través de 1.400 actividades. “Serán Son do Camiño en miniatura, con
actuacións que durarán dous ou tres días en cada municipio, neste caso
con artistas exclusivamente galegos”, explicou, co obxectivo de chegar a
400.000 persoas.
Un Camiño de Santiago sustentable e que respecta ao medio ambiente
Logo
de recordar outras iniciativas como o Plan de mellora de aloxamentos
turísticos ou o programa Elixe Galicia, como aposta polo turismo
interno, o presidente da Xunta asegurou que o Camiño de Santiago e o
Xacobeo estarán vinculados á sustentabilidade, á ecoloxía e ao respecto
polo medio ambiente.
Así, de cara a un Camiño impacto cero, terase
en conta en toda a programación cultural o principio de
sustentabilidade e aplicaranse medidas como a reutilización e a
reciclaxe de plásticos, incrementarase o uso de enerxías renovables,
reforestaranse espazos con especies autóctonas e desenvolveranse
distintas iniciativas para o embelecemento da paisaxe e a contorna.
“Ademais
mellorarase a accesibilidade para facer un Camiño diverso, impulsarase a
labor dos voluntarios en múltiples facetas e promoveranse proxectos de
rehabilitación específicos de bens de interese cultural e etnográficos”,
anunciou.
Por último, e no compromiso dun Camiño baseado nos
valores e na universalidade, levaranse a cabo iniciativas como a
organización de foros de diálogo con líderes mundiais, de congresos e
encontros académicos internacionais, visitas de referentes destacados a
Galicia ou reunións con representantes institucionais de primeira
categoría na Comunidade.
“Temos que seguir traballando. Este
proxecto é moi ambicioso, porque facer 10 actividades ao día significa
que o Xacobeo vai estar ao longo e ancho de toda Galicia”, concluíu
Feijóo, adiantando que cando un peregrino chegue a calquera lugar onde
se sela a compostelana, “aí ten que haber programación do Xacobeo”.