En
plena polémica polo proxecto de universidade privada que auspicia ABANCA, o BNG
quixo lanzar unha mensaxe de rotundo apoio á universidade pública e para iso, a
portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos reitores dos campus
galegos, Antonio López (USC), Julio Abalde (UdC) e Manuel Reigosa (UVI), no que
tamén participou a portavoz parlamentaria de Educación, Olall Rodil.
“A posición do BNG é moi clara a
respecto deste proxecto de universidade privada que parece ter o apoio
entusiasta de Feixóo: Galiza non necesita unha universidade ao servizo da banca
senón mellorar o apoio ao sistema universitario público, fundamentalmente en
materia de financiamento e de recursos públicos”, proclamou.
De feito, o sistema universitario
galego (SUG) leva soportado recortes ao longo da última década, de tal xeito
que, a día de hoxe, dispón de 438 millóns de euros menos.
Pontón considera que mesmo se está incumprindo
a Lei galega de universidades, “que a Xunta está aplicando de maneira moi laxa
bordeando a legalidade, porque non atende ao que establece o actual marco que
impide que a creación dunha universidade privada signifique duplicar
titulacións do sistema público”.
Pola información xa difundida, entre
as titulacións duplicadas figurarían administración e dirección de empresas,
ciberseguridade ou enxeñerías informáticas, “factor que é moi claro na lei e se
a Xunta da luz verde incumprindo este requisito se situaría fora da lexislación
en vigor”. Por tanto, o anteproxecto deber ser retirado, conclúe Pontón, “porque
o único que vai facer é distorsionar o sistema público provocando duplicidades
nas titulacións pero sen ser capaz de ofertar nada mellor”.
A portavoz nacional tamén reclamou ao
Goberno de Feixóo que cumpra coa obriga de apoiar á universidade pública
empezando por dotala de máis orzamento, “agora insuficiente porque non permite
cubrir o gasto corrente o que provoca unha situación de asfixia”, recalcou.
Neste sentido, o BNG propón un
incremento dos fondos de financiamento da universidade pública en 2020 e critica
que a lei de acompañamento de orzamentos non avance nun novo plan de
financiamento para o SUG e que, por contra, mesmo adiante novos recortes.
A proposta do Bloque é acabar cos
recortes da última década, -porque Galiza está “á cola” en investimento universitario
a nivel europeo-, cunha medida moi concreta: “incrementar o plan de
financiamento universitario co obxectivo de situarnos no 1,5% do PIB e colocarnos na media do noso entorno o que
significaría unha mellora importante en canto a recursos, dotación para a
docencia e a investigación”, explicou.
Pontón destacou o total apoio do
Bloque para “fornecer de máis recursos a universidade pública” co obxectivo de atender as necesidades de formación que ten a
sociedade galega. “Temos que facer unha aposta clara en defensa da universidade
pública fronte aos intentos privatizadores que estamos vendo”, concluíu. Departamento de comunicación