Galicia é a segunda comunidade autónoma
de España que aproba os seus Orzamentos para 2020, unha vez que as
contas públicas recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento
galego. Deste xeito, Galicia mantén un ano máis a normalidade do seu
ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central –que comezará o
exercicio 2020 coas contas de 2018– e doutras comunidades que terán que
prorrogar os seus presupostos.
Os Orzamentos de Galicia para 2020
medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que neste
ano e 1.400 millóns máis que en 2016. As contas entrarán en vigor o
vindeiro 1 de xaneiro, despois de que se publiquen no Diario Oficial de
Galicia (DOG).
Os presupostos aprobados hoxe polo Parlamento
galego inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía, ata acadar
os 7.400 millóns de euros, deste xeito poñeranse en marcha en 2020
medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas
infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida.
Ademais,
as contas tamén inclúen novas rebaixas fiscais no imposto pola compra
dunha vivenda no 94% do territorio galego; no Imposto sobre Sucesións,
de modo que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciben
unha herdanza dun familiar directo, ou tamén unha novidosa ‘dedución
verde’ no IRPF.
O proxecto de lei aprobado hoxe polo Pleno do
Parlamento tamén inclúe un incremento do capítulo de investimentos, que
volve medrar –sube un 2,4%- e acada os 1.691 millóns de euros, e pola
contra o único capítulo orzamentario que diminúe é o de xuros da débeda,
no que se aforrarán 22 millóns grazas á política de control do
endebedamento.
Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos
nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos. Hai que ter en conta
que o primeiro orzamento da Comunidade Autónoma foi aprobado e publicado
no Diario Oficial de Galicia en 1981, ano no que tamén foi aprobado o
Estatuto de Autonomía de Galicia.