Tras
a reunión cos reitores das tres universidades galegas, a portavoz nacional, Ana
Pontón, aproveitou a sesión de control para reclamarlle ao presidente da Xunta
que pare o proxecto de universidade privada impulsado por Abanca porque
incumpre a lei e nada aporta ao sistema universitario galego (SUG).
Pontón reprochoulle a Feixóo o trato de favor que dispensa ao
empresario venezolano, Juan Carlos Escotet, e pídelle que no coloque os
intereses da banca por riba dos intereses do país.
“Deixe de ser un servidor da banca e
convértase nun servidor dos intereses deste país”, reclamou, “por que este trato de favor ABANCA?
Non lle parece que xa lle fixo suficiente agasallo a ese empresario venezolano,
parécelle pouco agasallo darlle a prezo de saldo as caixas galegas rescatadas
con 9.000 M€, que máis agasallos lle ten que facer, por que pon o interese dun banco por riba dos
intereses xerais e por riba da lei?”, interpelou Pontón.
Tras pedirlle a Feixóo que explique o
seu empeño en actuar como “testaferro dos intereses de Abanca” promovendo un
proxecto de universidade privada mesmo saltándose a legalidade. A lei,
-explicou-, “estabelece que as universidade privadas ademais da docencia teñen
que ter investigación e o proxecto presentado non cumpre este requisito e tamén
prohibe a duplicidade de titulacións requisito que tampouco cumpre o proxecto
presentando”.
Unha denuncia que formulan, explicou a
dirixente, os reitores das universidades galegas. Pontón insistiu en pedir a
rectificación de Feixóo para que deixe de poñerlle “a alfombra vermella” a un
proxecto privado, mentres afoga á universidade pública cun plan de
financiamento insuficiente.
“Desde
o BNG facémoslle 3 propostas: cumpra a lei e non siga adiante coa universidade
privada da banca; incremente os recursos para as universidades públicas con 30
millóns de euros adicionais en 2020 e empece xa a negociar un novo marco de
financiamento coas tres universidades”, sintetizou, tras rexeitar o argumento
de que quen promove o proxecto de universidade privada é unha fundación sen
ánimo de lucro.
“Que nos diga que Abanca non ten ánimo de lucro sona a
chiste”, -ironizou-, “non se esconda das súas responsabilidades porque é
vostede quen decide seguir adiante coa tramitación dun proxecto dándolle
patente de corso a unha entidade bancaria para saltarse a legalidade neste país”.
Pontón pide a Feixóo que se poña do
lado da universidade pública, “porque sabe que o actual plan de financiamento
se impuxo cun 20% de recortes sen darlle outra alternativa ás universidades
galegas, e nos orzamentos de 2020 anticipan que van prorrogar o actual plan de
financiamento insuficiente que ten afogado o SUG en lugar de empezar a negociar
outro novo, é dicir, prorrogar os recortes”, concluíu. Departamento de comunicación