Nova
xuntanza entre o BNG e o Grupo Socialista para chegar a un acordo
para unha posíbel investidura. Na reunión na que participaron os
nacionalistas, Néstor Rego e Rubén Cela, xunto aos socialistas,
Adriana Lastra e Rafael Simancas, volveuse poñer enriba da mesa as
medidas que se recollen na Axenda Galega que o BNG leva defendendo
durante todas estas negociacións.
Rego
lamenta que logo da xuntanza aínda non haxa un grao de concreción
sobre estas medidas “fundamentais para atender os problemas sociais
e económicos” que Galiza está afrontando. “Entendemos que
estamos distantes dese acordo, aínda que si hai vontade de seguir
falando” afirma o deputado polo BNG, mais aclara que “non nos
serven formulacións xenéricas ou manifestacións de vontade porque
no noso país hai problemas que requiren dunha urxente solución”.
Néstor
Rego lembra que aos 5.000 traballadores e traballadoras da industria
electrointensiva, que ven como os seus postos de traballo perigan,
non lles serven unha formulación xenérica de que vai haber un
Estatuto da Industria Electrointensiva, cando paralelamente o Goberno
aproba uns novos criterios de subasta de interrumpibilidade.
O
BNG e o PSOE agardan para reunirse de novo e seguir negociando estas
medidas que os nacionalistas veñen propoñendo dende as primeiras
negociacións. Departamento de comunicación