O Deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou no Congreso dos Deputados
unha pregunta relativa á crise política e social que está a sufrir
o pobo de Bolivia e ao posicionamento do Goberno español. O BNG
cuestiona que o Goberno non condenase claramente o golpe de Estado
contra o goberno de Evo Morales e pregunta por que aínda non se
pronunciou sobre a brutal represión desatada polo goberno golpista e
polas forzas militares, paramilitares e policiais contra o pobo
boliviano, unha represión que ten un fondo clasista e racista e que
provocou a morte de ducias de persoas.
O
BNG quer saber sobre a posición actual do Goberno español e máis
concretamente se Considera lexítimo o goberno de facto presidido por
Jeanine Añez que chegou ao poder coa axuda da forza militar e
policial.
O
deputado nacionalista salienta que tras as eleccións presidenciais
que tiveron lugar o pasado 20 de outubro de 2019 no Estado
Plurinacional de Bolivia, en que a candidatura de Evo Morales á
presidencia resultou gañadora, se iniciou unha campaña de violencia
e desestabilización dirixida por sectores da dereita económica e
política que non asumiu os resultados; campaña violenta á que se
sumaron sectores do exército e da policía e que acabou por forzar a
saída de Evo Morales.
Considera
Néstor Rego que detrás do Golpe se achan sectores reaccionarios da
dereita política e económica, que nunca aceptaran as políticas de
recuperación de soberanía e mellora das condicións de vida da
maioría da poboación promovidas polo goberno do MAS. Mais tamén
avalía que supón un novo paso na estratexia de desestabilización
da rexión deseñada e practicada polo Departamento de Estado e os
diversos servizos de intelixencia dos EEUU, que consideran que teñen
dereito a interferir nos asuntos internos dunha rexión que
consideran o seu patio traseiro. Departamento de comunicación