O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe no
pincho de Nadal organizado polo partido na provincia de Lugo, dende onde
aproveitou para felicitar as festas e desexar que o 2020 sexa “o ano do
cambio en Galicia”.
“Iniciamos 2020 con toda a forza e
con todas as ganas para que sexa o ano do cambio en Galicia. Imos dar o
mellor de nós mesmos para liderar a maioría social de progreso nas
autonómicas”, recalcou o líder dos socialistas galegos. Precisamente,
Gonzalo Caballero recordou que, nas distintas eleccións que tiveron
lugar neste ano que se pecha, “o PP quedou noqueado“ polos “resultados
históricos” acadados polas forzas de progreso.
“Temos un
proxecto imparable para derrotar a Feijóo, que está moi preocupado
porque sabe que o seu tempo político está finiquitado”, subliñou o
candidato socialista á Presidencia da Xunta, antes de engadir: “Eu son
un corredor de fondo político, Feijóo está rezagado e estamos preparados
para o sprint final que vai permitir un goberno progresista á fronte da
Xunta”.
"Somos a casa común do progresismo"
Dito
isto, tras avanzar que os socialistas “imos arrinconar ao PP” nas
vindeiras eleccións autonómicas, Gonzalo Caballero explicitou que “o
PSdeG é a casa común do progresismo”.
“Temos os deberes
feitos e estamos preparados para dar a Galicia un goberno progresista
que priorice a defensa do estado do benestar, que defenda o público e
que traballe pola vertebración do territorio e o impulso do emprego
xuvenil”, finiquitou.
Ao acto acudiron máis de douscentos
militantes da provincia encabezados pola secretaria provincial,
Patricia Otero; o presidente da Deputación, José Tomé; a alcaldesa de
Lugo, Lara Méndez; os deputados no Congreso, Ana Prieto e Javier
Cerqueiro; o senador por Lugo, César Mogo; os parlamentarios autonómicos
Luis Álvarez e Concepción Burgo; e alcaldes e alcaldesas como o de
Pedrafita, a de Vilalba, o de Castroverde, a de Guitiriz, o de Xermade…,
e concelleiros de toda a provincia. Departamento de comunicación