O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa
“perplexidade” polo feito de que Feijóo estea “facendo o xogo” á
ultradereita no súa estratexia de “boicot” á formación do goberno en
España. “Só Feijóo e Vox queren terceiras eleccións”, evidenciou.
Tralas
declaracións de Feijóo avogando por unha nova repetición dos comicios, o
líder dos socialistas galegos sinalou que “a súa irresponsabilidade é
inadmisible”; unha cuestión que atribuíu ao seu “pánico electoral” ante
as eleccións autonómicas. “Recibiu tres suspensos electorais evidentes
este ano e agora ten pánico a 2020”, recalcou.
Só así se
explica, proseguiu Gonzalo Caballero, a falla de “rumbo, orientación e
sentido político” que amosa Feijóo con esas declaracións. “Fala de
centralidade política, pero xoga a ser un axente desestabilizador do
sistema”, reprobou.
Sobre todo, como dixo o máximo
dirixente do PSdeG, porque “a maioría dos galegos, e dos españois, votou
dúas veces polas forzas progresistas”, co que rexeitou o interese de
Feijóo en que “Vox poida gobernar España co PP”. “Non representa a
vontade da maioría dos galegos”, subliñou.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero apelou a que se constitúa o goberno
“para seguir avanzando”. “En Galicia convén que haxa un goberno
progresista, fronte a unhas dereitas e unha ultradereita que pon en
risco o estado do benestar e o estado autonómico”, remachou.
"Facherío nacional"
De
feito, o tamén voceiro parlamentario do PSdeG lamentou que a
alternativa ao goberno progresista liderado por Pedro Sánchez sexan
“unhas dereitas botadas ao monte e unha extrema dereita que arrepía”. “E preocúpanos o que fai Feijóo: a súa opción é repetir as eleccións
para que goberne o facherío nacional. Non representa á maioría dos
galegos”, finalizou o candidato socialista á Presidencia da Xunta. Departamento de comunicación