A
portavoz nacional, Ana Pontón, ve no discurso do presidente da Xunta un exemplo
de “electoralismo” e de “triunfalismo” cos que pretende agochar os problemas
reais de Galicia, un discurso propio dun Feixóo “sen proxecto, sen ilusión e sen
ambición de país” que, lonxe do predica, “nin escoita, nin rectifica”.
Un xefe do Executivo que, ademais,
renunciou á defensa do autogoberno, como demostra o seu balanzo de cero
competencias en dez anos, e que non fixo senón atacar o propio idioma mesmo
limitando o seu uso no ámbito educativo. Todo o contrario do que representou a
Xeración Nós ou un Blanco Amor dos que sarcasticamente se quere apropiar,
denuncia Pontón, quen convida aos galegos e as galegas a aproveitar o 2020 para
abrir un tempo novo en Galiza desde as urnas.
“Feixóo utiliza o discurso de fin de
ano para facer electoralismo empregando os medios públicos e para facer un
balanzo triunfalista da súa xestión que pouco ten que ver coa realidade, pois
obvia que o seu goberno deixa unha Galiza peor que a que atopou, de feito, dez
anos despois vemos unha Galiza con moitos problemas pese a todo o seu potencial”,
salienta a líder nacionalista.
Problemas que Pontón atribúe “á
discriminación do Estado con Galiza”, tanto con gobernos do PP como do PSOE, “e
aí temos o exemplo paradigmático da AP9 na que ambos partidos estatais aplicaron as mesmas subidas
nas peaxes ou como seguen o mesmo esquema de espolio eléctrico pese a que pon
en risco miles de postos de traballo polos custes enerxéticos. E problemas
derivados dun Goberno da Xunta fracasado, sen proxecto e sen ilusión, sen
ambición de país”. Neste contexto, a dirixente do Bloque
anima a apostar por un cambio real aproveitando a cita electoral.
“Este 2020 os galegos e as galegas
poden dar un paso adiante, cambiar este guión e mudar tanto a discriminación que
impoñen as forzas estatais como pasar páxina do fracaso do Goberno Feixóo
abrindo un tempo novo no que podamos mirar con esperanza o futuro e poñamos en
valor o enorme potencial e as capacidades do país, nas que no BNG confiamos”.
A líder nacionalista tamén incidiu
nunha segunda cuestión na súa valoración do discurso, en relación a referencia
do xefe do Executivo sobre as bondades de rectificar os erros.
“Asegura que a mellor maneira de
aprender é escoitando o que queren dicirlle os galegos e as galegas, sen
embargo o Goberno de Feixóo nin
rectifica, nin escoita: non escoita nin rectifica os recortes en sanidade como
vemos co peche do paritorio e das urxencias pediátricas no Hospital de Verín,
ou cos sucesivos recortes en atención primaria; non rectifica a súa falta de
política industrial; non rectifica os seus pactos coa extrema dereita pese aos
seus ataques aos dereitos das mulleres, e tampouco rectifica a súa política
lingüística”.
2020, a oportunidade dun cambio real
De feito, salientou, “non deixa de ser
un sarcasmo que pretenda apropiarse da Xeración Nós ou de Blanco Amor
precisamente cando eles representaron a confianza no potencial do país, a
defensa do noso idioma, xusto o contrario do que ben facendo o Goberno de
Feixóo que se por algo se caracterizou foi por ser o primeiro presidente que
recortou os dereitos aos galegos e galegas, que recortou o dereito ao uso do
noso idioma, que limitou o seu uso no ámbito do ensino”.
“Ou un presidente que demostrou que
non confía en Galiza porque non quere máis autogoberno para o país. E aí está
ese balance de dez anos sen unha nova competencia”. En definitiva, “o discurso
dun goberno esgotado e dun presidente sen proxecto un aliciente para que en
2020 as cousas cambien a mellor para Galiza abrindo unha nova oportunidade para
os galegos e as galegas”, concluíu. Departamento de comunicación