A coordinadora nacional
de Esquerda Unida, Eva Solla, lamentou, nada máis escoitar o discurso de Núñez
Feijóo, “que desperdiciara os minutos que tiña de dirixirse ás galegas e
galegos en criticar a conformación do Goberno Central, un feito absolutamente
imprescindible para avanzar na consecución da recuperación de dereitos sociais
e económicos” tanto en Galicia como no Estado. Ao seu xuízo, asistimos a “un
discurso pobre e patético” que, “en troques de falar das políticas para
mellorar a vida das persoas e corrixir a situación de pobreza que sofren máis
de medio millóns de galegas e galegos, preferiu criticar a constitución do
Goberno central”.
Segundo explica a coordinadora
nacional de Esquerda Unida, Feijóo elixiu un colexio para dar o discurso, “nuns
momentos no que o persoal docente se ergue para reclamar a recuperación dos
medios humanos e materiais no sistema educativo”. Solla sinalou que “o Informe
PISA non serve unicamente para avaliar a calidade educativa, senón que para
mellorar a educación é preciso aumentar o número de docentes e do profesorado
de apoio”.
Eva Solla tachou de “burla”
que Feijóo se referira á Xeración Nós ou de Blanco Amor no seu discurso “cando
vimos de coñecer o informe do Consello de Europa que denuncia a perda de galegofalantes
por políticas que limitan o uso do galego na educación”, concretamente no nivel
preescolar, “o que fai que se reduza o número de nenas e nenos que falan galego
de xeito habitual”. Para Solla tamén é unha “burla”
que o presidente se dirixira ás familias “cando non se fai nada para frear a expansión
das casas de apostas, nun momento en que, ademais, están a ampliarse os
horarios das mesmas”.
A tamén vicepresidenta do
Parlamento de Galicia botou en falta que Feijóo “non tivera unha soa palabra
para ese 17% de traballadoras e traballadores galegos que cobran menos de 350
euros ao mes no noso país por mor da precariedade laboral”. Solla fixo fincapé
na falta de políticas activas de emprego e do incumprimento dunha promesa que
levaba ao Partido Popular en 2008, unha Lei de Emprego de Galicia. “En
realidade, o PP non foi quen de cumprir coas súas promesas electorais e, agora,
permite dar leccións á hora de falar da conformación de Goberno”, lembrou.
Para Solla, o Presidente
non falou da necesidade de que a Xunta de Galicia “rectifique na súa decisión
de pechar o paridoiro de Verín e tamén das urxencias no Hospital Comarcal de
Verín”. Ao seu xuízo, no discurso de Feijóo, non se falou de solucións ás políticas de recortes sociais
constantes á que nos ten acostumadas o PP, polo que “non serve para galegas e
galegos e para moitas persoas que viven en situación de pobreza e exclusión
social. Tampouco houbo verbas para un país que sofre unha sangría no que á
industria se refire”. En síntese, Solla valorou este discurso como “moi
negativo, pobre e patético no que se perdeu o tempo criticando a conformación
de Goberno central en vez de falar das responsabilidades e do seu compromiso
coas galegas e galegos”.
“Pola nosa parte, de cara
a 2020 e no marco das vindeiras Eleccións Autonómicas, dende Esquerda Unida traballaremos
un programa que axude a paliar os problemas principais que son o paro e
precariedade laboral, os problemas de falta de persoal na sanidade pública ou
na educación, entre outros, así como levar a cabo medidas que rematen coa
despoboación que sufre o noso rural”, rematou Solla. Departamento de comunicación