O Diario Oficial de Galicia publica hoxe tres liñas de axudas
dirixidas a atender ás vítimas da violencia de xénero, que suman un
investimento de algo máis de 6 millóns de euros. A primeira
resolución é a das prestacións periódicas, destinadas a mulleres vítimas
de violencia de xénero, vítimas de trata de seres humanos con fins de
explotación sexual e vítimas de violencia vicaria, é dicir, aquelas
mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do
maltratador.
Para esta convocatoria, dispoñen dun orzamento de
máis de 5,3 millóns de euros, o investimento máis alto desde a posta en
marcha destas axudas en 2006. O prazo de solicitude para estas axudas
está aberto durante todo o ano. A axuda consiste nunha contía económica
periódica de carácter mensual, que oscila entre os 200 e os 800 euros,
en función dos ingresos da persoa beneficiaria, dos fillos ou fillas
menores en acollida ao seu cargo ou se padece algún tipo de
discapacidade.
A segunda resolución convoca as axudas de pagamento
único e indemnizacións para 2020. As axudas de pagamento único están
dirixidas ás vítimas de violencia de xénero que acrediten insuficiencia
de recursos e dificultades especiais para obter un emprego; mentres que
as indemnizacións están destinadas a aqueles casos nos que se teña
incumprido por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que
esta estea fixada por sentenza xudicial.
O orzamento das axudas de
pagamento único ascende a 600.000 euros; mentres que o destinado á
indemnización é de 55.000 euros. A contía das axudas de pagamento único
varía desde o equivalente a seis meses do subsidio de desemprego vixente
ata os 24 meses, en función das circunstancias familiares e de renda. A
indemnización será a fixada por sentenza xudicial, cunha contía máxima
de 6.000 euros.
Estas dúas convocatorias -prestacións periódicas,
así como pagamento único e indemnizacións- teñen como obxectivo garantir
ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica
respecto do agresor, ou no caso das mulleres vítimas de trata con fins
de explotación sexual, da persoa que mantivese con ela unha relación de
dominación, de xeito que se lles facilite dar o primeiro paso para
romper con esa situación de violencia.
Por último, o DOG publica
hoxe tamén a orde de axudas destinadas a menores orfos vítimas da
violencia de xénero e ás vítimas gravemente feridas. Poderán ser
beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais
que dependen economicamente da vítima e/ou do agresor; así como as
mulleres que resultasen gravemente feridas Trátase dunha medida que dá
ademais cumprimento aos obxectivos fixados no Pacto de Estado. Estas
axudas dispoñen dun orzamento global de 70.000 euros, cun importe fixado
para cada persoa beneficiaria de 7.000 euros.
Cómpre lembrar que
todas as liñas de axudas que se publican hoxe no Diario Oficial de
Galicia poderán ver ampliado o seu orzamento se fose necesario.