O
BNG acusa ao presidente da Xunta de utilizar aos nenos e as nenas das escolas
infantís como canle de propaganda electoral para facer chegar aos pais e nais
unha carta de autobombo que foi entregada en man a cada familia, xunto cunha foto
escolar de cada alumno, nestes centros educativos, seguindo instrucións detalladas
cursadas pola xerencia adxunta de Escolas infantís.
A principios de decembro as familias con
nenos e nenas matriculados en escolas infantís da Xunta recibiron unha
comunicación na que se lles informaba de que, con motivo do Nadal, a
Consellería de Política Social agasallaba a cada familia cunha fotografía do
seu neno ou nena previa autorización dos proxenitores. Unhas fotos que se
realizaban nos propios centros a cargo do Consorcio Galego de Servizos Sociais
e Benestar.
Tras esta comunicación ás familias, o
persoal das escolas infantís reciben indicacións detalladas de como entregar as
fotos ao tempo que se lles advirte de que esa entrega irá acompañada dunha
carta do xefe do Executivo asinada do seu puño e letra. “Mañá día 27 recibiredes por mensaxería
na escola as fotos que se fixeron aos nenos e nenas, xunto cunha carta para
cada familia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e uns sobres.
Deberedes meter cada foto, xunto cunha carta, nun sobre e indicar por fóra o
nome do/a neno/a para que, no día de mañá, entreguedes en man a cada familia.
Podedes organizarvos de xeito que o persoal adscrito a cada aula faga a entrega
ás súas familias”, rezan as detallada instrucións comunicadas ao persoal,
utilizado tamén como correos electorais do PP.
“Diversos pais e nais fixéronnos chegar
o seu malestar e desaprobación por esta actuación, que consideran un gasto
superfluo, sen ningunha xustificación. Unha actuación que como mínimo se pode
cualificar de electoralista porque estamos diante dun caso descarado de uso de
recursos públicos para promoción persoal do presidente da Xunta. E o máis grave,
usando aos nenos e nenas como escusa”, denuncia a deputada Montse Prado, que se
pregunta “até cando vai o PP seguir usando recursos públicos para a súa
publicidade e propaganda”.
Prado avanza que o BNG xa presentou unha pregunta en Pleno
pedindo explicacións “ante unha propaganda, utilización do alumnado e do
profesorado e un malgasto de recursos públicos que contrasta coa desidia e
desinterese de Feixóo ante outras situacións que si preocupan as familias. Como
os pais e nais que seguen agardando unha explicación polos casos de
intoxicación alimentar ou aqueles que non obteñen resposta á falta continuada
de pediatras para atender aos seus fillos e fillas”.
“O que censuran as familias é que Feixóo
non se dirixa a elas para darlles solucións a cuestións de moita relevancia
pero si se comunique para facer propaganda da súa persoa”, conclúe Prado.