O turismo internacional está a gañar
cada vez máis peso na Comunidade galega ata rexistrar cifras nunca antes
alcanzadas, con crecementos superiores ao 10% tanto en número de
viaxeiros como no volume de noites. Así o constatan os datos feitos
públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que fixan en
máis de 1,4 millóns de turistas estranxeiros e preto de 2,5 millóns de
pernoitas contabilizadas ata o mes de novembro.
Así, a falta de
computar os datos do mes de decembro, o mercado estranxeiro está a
demostrar ser decisivo na positiva evolución do turismo galego en
comparación co conxunto de España, onde Galicia está a ser o destino co
mellor comportamento. Tamén está a ser positivo o turismo nacional,
neste caso cun incremento dun 5% na súa demanda, rexistrando así máis de
7,9 millóns de noites, unha cifra récord nos primeiros once meses do
ano.
O balance do INE constata tamén que, de xeito
xeneralizado, está a ser positiva a evolución de todo o sector do
aloxamento de Galicia, con incrementos da súa demanda turística nun 7,4%
no que se refire aos establecementos extrahoteleiros, que inclúen
apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural; e cun aumento da
demanda dun 5,7% no sector hoteleiro. Os niveis de ocupación tamén
melloraron en todas as tipoloxías, cunha intensidade variable, para este
período de tempo.
Desestacionalización
Estas estatísticas
coñécense no mesmo día no que o INE publicou os datos do mes de
novembro para a totalidade dos establecementos de aloxamento. Preto de
260.000 viaxeiros escolleron Galicia durante o mes de novembro, mes de
temporada baixa, e realizaron máis de 538.000 noites. En termos globais,
obsérvase un incremento da demanda no ámbito hoteleiro nese mes dun 1% e
tamén no ámbito extrahoteleiro, neste caso cun incremento de preto do
9%, que en termos de volume supuxo a xeración de 2.600 noites.