O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, atribuíu hoxe “os
malabarismos” de Feijóo a que “xa sabe que ten un pé fóra da Xunta”,
porque “o tempo das maiorías absolutas rematou”. “Os galegos terán que
optar entre pór á cidadanía no primeiro plano ou abocar ao país a estar
baixo o control político da dereita e da ultradereita”, formulou.
Neste
escenario, o líder dos socialistas galegos comprometeu traballo para
“barrer a Feijóo e retiralo” da Xunta neste 2020. Así é que, como dixo, o
presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, xa está coordinando a
elaboración do programa electoral ao tempo que se puxo en marcha
IdeaGaliciaLab. Dentro dunha campaña que será “de alta intensidade”,
Gonzalo Caballero avanzou que visitará todas as bisbarras galegas “con
carácter inmediato”, para “estar en contacto coa nova Galicia que quere
cambio”.
Sobre todo, como evidenciou o candidato do PSdeG
á Presidencia da Xunta, ante “a inacción e a falla de compromiso” de
Feijóo, quen carece de “solucións ou ideas” para afrontar os problemas
de Galicia como o reto demográfico, a crise industrial e as dificultades
dos servizos públicos. “Nós temos un proxecto dinamizador e con
garantías no que estará cómoda a maioría dos galegos”, asegurou, xa que
“gobernamos en máis de cen concellos, en cinco das sete cidades e en
tres das catro deputacións”.
Ao fío desa “indolencia” coas necesidades de Galicia, Gonzalo
Caballero citou o exemplo do peche do paridoiro de Verín como “a punta
do iceberg dos recortes”, e lamentou que Feijóo “siga impasible” mentres
milleiros de persoas saen á rúa para reclamar o fin destas políticas.
“Pedímoslle que rectificase e que destituíse aos responsables políticos
da decisión, pero é imposible que Feijóo atenda xa as necesidades da
sanidade pública”, subliñou.
Así as cousas, tras prometer
que un goberno progresista na Xunta “rectificará” esa medida, posto que
o paridoiro de Verín funcionaba “con seguridade”, o máximo dirixente do
PSdeG sinalou que “só unha labazada electoral” ao PP de Feijóo por
parte dunha maioría social progresista fará que “cambien” estas
políticas de recortes e de falla de aposta polos servizos públicos.
Os asuntos de Galicia, na mesa do Gobeerno
En paralelo,
Gonzalo Caballero abordou a situación política a nivel nacional e
concluíu que “España necesita un goberno en plenitude de funcións”, para
poder tomar “medidas que prioricen ás persoas e ás familias”. Neste punto, rexeitou “a estratexia do boicot” á gobernabilidade de
España posta en marcha polo PP e por Ciudadanos, que “estanlle facendo o
caldo a Vox”. “Tentar abocar ao país a terceiras eleccións é algo que
ningún cidadán quere, e un camiño a ningures”, concluíu o líder
socialista.
A partires da investidura de Pedro Sánchez
como presidente do goberno, como apuntou, “todos os grandes temas de
Galicia” estarán incorporados na axenda de traballo do executivo.
Así,
Gonzalo Caballero avanzou traballo na liña de combater os problemas
industriais e o devalo demográfico, así como melloras nas políticas
sociais e actuacións encamiñadas a combater a suba das peaxes da AP-9 e a
debater sobre a transferencia da titularidade da vía. “Estudaranse
vías de futuro que posibiliten reducir o custe da peaxe. Ese é o meu
compromiso”, garantiu o dirixente socialista, para facer fincapé en que
“un goberno progresista en Galicia acadará avances” neste eido que o PP
non aprobou. Departamento de comunicación