O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de
publicar a Lei 8/2019 do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento
lúdico das augas termais de Galicia, que entrará en vigor o vindeiro 2
de febreiro. Trátase dunha norma pioneira en España que permitirá a
Galicia contar cun completo marco normativo en torno ás augas termais
grazas ao que se impulsará un crecemento ordenado e seguro do sector.
Galicia
será a primeira Comunidade autónoma en regular os diferentes
aproveitamentos das augas termais, establecendo un novo uso que marcará
unha fronteira clara entre os establecementos balnearios, con usos
terapéuticos e que están regulados por unha lei do ano 1995; e os
espazos e piscinas termais, con usos lúdicos, nos que se centra a nova
norma. Deste xeito, Galicia dá resposta a unha realidade empresarial e a
unha demanda real da sociedade actual, ofrecendo seguridade xurídica e
garantías a proxectos turísticos que, ata a data, non tiñan unha
regulamentación específica.
Os obxectivos da lei son velar pola
salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas termais;
garantir a sustentabilidade ambiental das augas termais para evitar a
degradación da súa calidade e a redución do seu caudal; protexer a súa
integridade como recurso natural, patrimonial, cultural, turístico e
lúdico; e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións
onde xorden estas augas.
Entre os aspectos máis relevantes da
normativa -na que se fixa como condición previa que as augas conten coa
declaración de termais- están: a regulación dos casos de
compatibilidade dos novos aproveitamentos lúdicos cos establecementos
balnearios e os seus perímetros de protección; o establecemento do
procedemento para obter autorizacións administrativas renovables cada 10
anos para as persoas ou entidades privadas e concesións de 30 anos
prorrogables ata 75 no caso de entidades públicas; a esixencia da
garantía financeira, seguro de responsabilidade civil, un plan de
aproveitamento de carácter cuadrienal e a restitución da situación ao
estado orixinal tras a finalización do aproveitamento; marca as
condicións de accesibilidade, seguridade e hixiénico sanitarias das
instalacións; ademais dun réxime de inspección e sancións con multas de
entre 300 e 90.000 euros. En canto ao espazos que se atopen actualmente
en funcionamento contarán cun prazo máximo de 12 meses para regularizar a
súa situación. Preténdese protexer este recurso e garantir a
salubridade e seguridade das instalacións aos usuarios.
Con esta
lei, Galicia contará cun novo mapa termal no que todos e cada un dos
usos destas augas estará ordenado e regulado; con garantías para os
propietarios; os interesados en impulsar novas instalacións; os usuarios
e para o propio recurso que seguirá contando coa máxima protección. Galicia,
con 300 captacións mineiro-medicinais, 21 balnearios e 3 talasos, conta
cun gran potencial neste eido polo que esta lei é unha nova
oportunidade para o sector turístico, para o tecido empresarial e para
dinamizar a actividade económica do interior de Galicia -onde se
localiza boa parte deste recurso-.