Á espera do pico da gripe, e cos informes semanais de vixilancia da
actividade gripal amosando aínda unha intensidade basal, pero en
tendencia crecente, a Consellería de Sanidade garante a atención nos
servizos de Urxencias e asegura o funcionamento dos plans de
continxencia elaborados coa antelación debida por cada área sanitaria.
Estes documentos, nos que se contemplan as actuacións previstas en cada
circunstancia para axilizar a resposta segundo vaian crecendo as
necesidades asistenciais, foron presentados o pasado mes de outubro.
Os
protocolos elabóranse cada ano coa participación dos profesionais
responsables da súa aplicación, atendendo a uns criterios xerais para o
conxunto do Sergas e incorporando as particularidades precisas en cada
demarcación sanitaria. Estes plans priorizan o control e seguimento dos
pacientes diana, aqueles de maior complexidade e risco, como son as
persoas con pluripatoloxía e os doentes fráxiles, tanto en Atención
Primaria como nos servizos hospitalarios de Neumoloxía e Medicina
Interna. En calquera caso, garante a Consellería, os usuarios dos
servizos de Urxencias son sempre atendidos de acordo coa súa gravidade
clínica.
Do mesmo xeito, cómpre lembrar que, máis aló dos propios
servizos de Urxencias hospitalarios, os plans de continxencia fronte a
gripe coordinan unha ampla rede de profesionais, na que toman parte
moitos dos restantes servizos hospitalarios, o 061 e os centros de saúde
e Puntos de Atención Continuada da Atención Primaria.
Preto de 600.000 galegos xa están vacinados
A
Consellería recorda a importancia da prevención, sendo a vacina anual
antigripal a mellor ferramenta para evitar casos graves e complicacións.
As cifras de vacinación acadadas desde o comezo da campaña anual de
vacinación (o pasado 14 de outubro) e ata as doce da noite do 2 de
xaneiro amosan preto de 600.000 persoas vacinadas na comunidade, 30.128
máis que na pasada campaña. Delas, 407.369 pertencen ao grupo obxectivo
de maiores de 65 anos, o que equivale a uns índices de cobertura do
59,93% neste colectivo, superando en máis de dous puntos porcentuais os
datos dun ano atrás nestas mesmas datas. As taxas de participación máis
elevadas, como vén sendo habitual, concéntranse entre as persoas de 75
ou máis anos, con coberturas por riba do 65% obxectivo, e superando
incluso o 70% nas provincias de Ourense e Lugo, que rexistran as maiores
taxas de participación en todos os grupos.
Os datos de vacinación
tamén melloran de xeito destacado entre os traballadores da sanidade,
consolidando a tendencia á alza observada xa en exercicios anteriores
neste grupo de poboación, prioritario tanto pola súa maior exposición a
contaxio como polo seu posible papel como transmisores do virus a
persoas en situacións de saúde vulnerables. Cos datos pechados a día 2
de xaneiro, son xa 17.377 os profesionais sanitarios vacinados, 2.480
máis que o número total conseguido na pasada campaña. En Atención
Primaria téñense vacinado xa 5.233 profesionais, fronte aos 4.853 do ano
pasado. A evolución é máis acusada entre os traballadores da Atención
Hospitalaria, con 12.144 vacinados, 2.317 máis que un ano atrás, cun
incremento moi notable da participación do persoal de enfermería. Do
mesmo xeito, consolídase a implicación na campaña das mulleres
embarazadas, cun total de 7.295 xestantes vacinadas, case 800 máis que
nas mesmas datas de 2019.
A vacina segue dispoñible
Sanidade
recorda que aínda están a tempo de vacinarse todas aquelas persoas que o
desexen e non o teñan feito. Aínda que a campaña rematou o día 27 de
decembro, as doses seguen dispoñibles durante o mes de xaneiro nos preto
de 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade (centros
de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados,
residencias da terceira idade e outros).
A Consellería insiste na
importancia de que as persoas incluídas nalgún dos grupos preferentes
renoven a vacinación cada ano, xa que a vacina antigripal non só limita o
número de casos de gripe, senón que diminúe as posibilidades de que
aparezan formas severas da enfermidade e reduce o risco de
complicacións, hospitalización e morte. Desde o comezo da tempada, o 30
de setembro, e ata o pasado luns, 29 de decembro, téñense rexistrado 57
ingresos con gripe confirmada nos hospitais galegos, dous deles en
unidades de coidados intensivos. 42 deses pacientes tiñan indicada a
vacina, e 28 non estaban vacinados.