O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe
que Galicia iniciará neste 2020 a universalización da educación
infantil, que permitirá que a partir do 1 de abril as escolas infantís
de 0 a 3 anos sexan gratuítas para todas as familias galegas para os
segundos fillos e sucesivos. Feijóo fixo este anuncio durante unha
visita ás instalacións da escola infantil de Santa Susana, en Santiago,
un edificio histórico que a Xunta remodelou cun investimento de 1,3
millóns de euros.
Alí, o presidente da Xunta precisou que a
gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas
173 escolas públicas da Xunta como nas 260 escolas infantís privadas e
de iniciativa social, tanto nas que xa están concertadas a día de hoxe
como nas que non o están. Destas últimas, as que desexen voluntariamente
adherirse a esta medida contarán co apoio económico do Goberno galego.Esta
iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás
familias duns 12.500 nenos. Feijóo explicou que para levala a cabo a
Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns de euros.
Ademais, a
partir do próximo curso o Goberno galego tamén achegará fondos para
facilitar que as escolas infantís municipais poidan introducir a
gratuidade para os segundos fillos e sucesivos. Para acollerse a este
beneficio, será preciso que o concello en cuestión non teña débedas co
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en relación coa
obriga de cofinanciar as escolas infantís e centros de día.
Gratuidade da atención infantil no rural
Ao
longo da súa intervención, Feijóo recordou que esta vocación de Galicia
de converterse en referente na gratuidade da atención aos nenos desde
os seus primeiros pasos non é novidosa, xa que desde 2016 as familias
que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes xa teñen acceso a un
servizo 100% gratuíto coas casas niño.
Durante á visita á escola
infantil de Santa Susana, na que se educan máis de 60 nenas e nenos,
Feijóo agradeceu o traballo e o compromiso das profesionais destes
centros, que son un piar fundamental na aposta de Galicia por unha
educación infantil con vocación de excelencia.
O presidente do
Goberno galego concluíu incidindo no compromiso da Xunta cunha educación
infantil de calidade e coa conciliación da vida familiar e laboral.
Nesta liña, lembrou que a Xunta duplicou desde 2009 as prazas públicas
ata chegar ás 25.000; introduciu un servizo de proximidade e calidade
nas zonas rurais coas 75 primeiras casas niño, que este ano se
estenderán ao 100% dos concellos galegos máis pequenos; e reforzou
prestacións como o Bono Concilia para que as familias que non accedan a
unha praza pública poidan escoller escola infantil.
Por último,
lembrou que no primeiro trimestre deste ano a Xunta de Galicia levará ao
Parlamento autonómico a primeira Lei de impulso demográfico de España,
que incluirá, entre outras iniciativas, medidas para dar un novo pulo á
conciliación, coa ampliación dos horarios das escolas públicas infantís.