A
portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o almorzo informativo de inicio de
ano para poñer en valor o acordo de investidura logrado por un BNG que actuou “con
alturas de miras e desde a responsabilidade”, poñendo por diante os intereses
de Galiza e a necesidade de frear a involución democrática e de dereitos.
O resultado: un acordo sen precedentes
que recolle algunhas das cuestións de maior urxencia para o país e saca a Galiza
do ostracismo destes anos, nos que estivo excluída do debate estatal.
“O acordo significa un paso de xigante
no papel de Galiza no Estado”, proclamou, “significa pasar a páxina da
irrelevancia á que nos conduciron tanto as forzas políticas estatais como un
Feixóo subordinado a Casado, secuestrado pola estratexia do PP de Madrid e
significa colocar a axenda galega no Estado”.
E salientou que a maioría dos e das galegas
está satisfeita vendo como Galiza recupera un lugar protagonista que nunca
debeu perder. “Quedou demostrado, unha vez máis, a utilidade do nacionalismo na
defensa dos intereses da maioría social e a necesidade de contar cun proxecto
político propio en clave de país como o que representa o BNG”, argumentou.
Un apoio social maioritario que contrasta
coas declaracións do xefe do Executivo galego, cuxa reacción airada Pontón
atribúe á “vergoña” de ter quedado en evidencia ante un Bloque capaz de facer
valer Galiza no Estado.
“A reacción de Feixóo é propia de quen
queda espido e coas vergoñas ao aire, porque o acordo deixa en evidencia a súa
incompetencia e submisión a Madrid despois de que o BNG conseguise nun mes o
que el non foi capaz de lograr en dez anos de goberno. É a reacción de quen non
foi capaz de defender os intereses de Galiza porque se limitou a ser recadeiro
do PP de Madrid, pero demostramos que con coraxe e determinación é posible colocar
as cuestións deste país no Estado e nesta liña imos seguir traballando”,
explicou Pontón.
“Equivócase Feixóo porque non vai contra
o BNG senón contra os intereses de Galiza, cando o que ten que facer é
colaborar e sumar para que o acordo se materialice canto antes”, recalcou.
A portavoz nacionalista tamén fixo
referencia á cita electoral de 2020 avanzando que o Bloque xa está traballando
para liderar o cambio real que precisa o país. “Imos a por todas sabendo que
canto máis BNG, menos PP e desde a confianza de contar cun proxecto serio e
solvente e cunha organización unida e cohesionada”, salientou, o que lle
permite á formación que dirixe aspirar a liderar o tempo novo que precisa o
país. “Non imos escatimar esforzos para gañar unha nova Galiza”, proclamou.
Termos do acordo
Pontón destacou algún dos aspectos
máis relevantes dunha negociación que demostrou a capacidade de diálogo do
Bloque e a súa “firmeza” na defensa dos intereses dos e das galegas a través
dunha axenda que inclúe infraestruturas, sector industrial, benestar social e autogoberno.
Salientou a transferencia da AP9 en 2020, a bonificación
das peaxes ás persoas usuarias que
realizan
dúas viaxes ao día e a gratuidade do tramo Redondela-Vigo.
O
Estado asume o custo das obras de ampliación da Ponte de Rande.
Modernizar a rede interior
ferroviaria, promover o saneamento das Rías Galegas, en particular, reactivar o
plan de dragado e recuperación da Ría do Burgo, recuperando os 24 millóns de euros
presupostados.
Fondos descarbonización
No sector industrial: inclusión de
Galicia en todos os fondos para a descarbonización en condicións de igualdade
que outros territorios, convocatoria urxente das mesas de traballo sobre
accións e acordos de transición xusta no primeiro semestre do 2020,
especificando as accións a realizar e as dotacións orzamentarias.
En relación co Estatuto das empresas
electrointensivas inclúe medidas dirixidas a reducir a factura enerxética da
industria e antes do 21 de marzo de 2019
constituirase unha mesa tripartita permanente para avaliar a evolución dos
custes. As industrias electrointensivas terán a compensación máxima permitida
pola UE por custos de emisións indirectas de CO2.
No
ámbito social, xulgados de violencia de
xénero en
Santiago, Lugo
e Ourense, máis fondos do Estado para a dependencia nesta
lexislatura e rematar coa dobre imposición
dos emigrantes retornados.
En materia de autogoberno: comisión de transferencias
Estado-Xunta para programar a transferencia das competencias pendentes no Estatuto e as competencias que foron obxecto de consenso no parlamento galego.
Garantir para Galicia o mesmo status
que para Euskadi e Cataluña e medidas de apoio ao propio idioma.