O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe a
“irresponsabilidade” de Feijóo nas súas declaracións sobre a formación
do goberno encabezado por Pedro Sánchez. “Perdeu o rumbo e a orientación
política”, evidenciou.
Tras subliñar que o problema é
“que non temos un goberno en Galicia que resolva os problemas dos
galegos”, Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo “quere facer de
tertuliano”. Só así se explica, dixo, que sexa capaz de pasar de
“aplaudir os tripartitos das dereitas cando cogobernan o PP e Vox a
criticar aos gobernos progresistas que teñen unha axenda comprometida
cos pensionistas, coas mulleres, coa igualdade de dereitos, co estado do
benestar e coas liberdades políticas”.
“Ese cinismo de
Feijóo hai que barrelo de Galicia electoralmente, de xeito democrático”,
defendeu o líder do PSdeG, consciente de que “os galegos queremos
gobernos progresistas que fagan avanzar e non tripartitos de dereitas
manexados por Abascal e pola ultradereita con Casado e Feijóo como
aplaudidores”.
“En España vai haber un goberno sólido,
progresista, e cun proxecto de país que beneficia á maioría”, remarcou
Gonzalo Caballero, para quen a liña de acción de Feijóo “non é coherente
nin responsable” e que “non conecta co que pedían os cidadáns”. “Xogou a
boicotear a formación dun goberno en España; dixo que non era posible
facer goberno, que había que convocar as terceiras eleccións...”,
recordou.
Visita a Trives e Caldelas
O
máximo dirixente dos socialistas galegos fixo estas declaracións durante
a súa parada en Castro Caldelas, no marco dunha visita ás bisbarras de
Trives e Caldelas. Alí mantivo unha xuntanza de traballo
coa alcaldesa anfitrioa, Sara Inés Vega; coa rexedora de Trives,
Patricia Domínguez; e os alcaldes de Manzaneda, Amable Fernández, e
Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Participaron tamén concelleiros,
deputados e senadores socialistas da zona.
Nese marco,
Gonzalo Caballero denunciou que “o PP abandonou á Galicia do medio
rural”, ao non atender as necesidades dos pequenos concellos “de ter
servizos, de ter inversións, de ter infraestruturas de sanidade e
educación...”. Iso, engadiu, que Feijóo chegou a prometer que esta que
agora remata sería “a lexislatura do rural”.
“Temos que poñer a prioridade na Galicia que se queda baleira”,
advertiu Gonzalo Caballero, despois de criticar que “Feijóo abandonou ao
rural”. “Hai que construír unha rede de actores municipais, de axentes económicos e de sectores
primarios que xeren actuación estratéxica para desenvolver o rural,
loitar contra o despoboamento e apostar polos pequenos concellos”,
explicou.
Ao fío disto, o candidato socialista á
presidencia da Xunta fixo fincapé en que “Galicia necesita unha
vertebración territorial que impulse os escenarios urbanos e que aposte
de maneira decisiva polo medio rural, para que calquera neno, con
independencia de onde naza, teña os mesmos dereitos“.
Pola súa banda, a alcaldesa de Castro Caldelas agradeceu a visita “ao
próximo presidente da Xunta”, un encontro que sinalou como “o inicio
desa colaboración para tantas cousas que hai que acordar”. “Que veña a
visitarnos e a oír as nosas inquedanzas é moi importante”, asegurou. Departamento de comunicación