O
BNG celebra mañá o primeiro Consello Nacional do novo curso político que ten
como principal punto da convocatoria a proclamación de Ana Pontón como
candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, unha vez finalizado o proceso de
elección da militancia nas 25 asembleas comarcais do país e na emigración, nas que
participaron arredor de 2.000 persoas.
Pontón colleitou un apoio practicamente
unánime entre as bases nacionalistas, -sen ningún voto en contra-, mostra do
consenso que suscita a figura da portavoz nacional para encabezar a alternativa
do BNG nas vindeiras eleccións galegas e liderar o cambio real que necesita Galiza.
Un apoio que avanzaba o feito de que a
da actual portavoz nacional fose a única candidatura presentada, multiplicando
por seis a cifra de avais requiridos.
O Consello Nacional, máximo órgano de
dirección entre asembleas, tamén abordará a cita coas urnas, co obxectivo de
mobilizar ao conxunto da organización para empezar a traballar desde xa nos
comicios galegos, que o Bloque encara con ambición e sen poñerse límites, desde
o convencemento de que Galiza precisa abrir un tempo novo que deixe atrás a
década de Feixóo.
A dirección nacionalista tamén
analizará o transcendente acordo de investidura entre BNG-PSOE que permite
desbloquear asuntos claves para o país en materia de infraestruturas, sector
industrial, benestar social e igualdade e autogoberno. Un acordo que, ademais, demostra
a utilidade de ter forzas políticas propias e coas mans libres para defender os
intereses dos galegos e das galegas, capaz de facer valer Galiza ante o Estado
sen ataduras nin submisións. Departamento de comunicación