Co
apoio case unánime da militancia, expresado nas asembleas comarcais celebradas
por todo o país e na da emigración, o Consello Nacional proclamou a Ana Pontón
candidata á Presidencia da Xunta que asume o reto coa aspiración de que o BNG
lidere o Goberno que abra un tempo novo en Galiza tras a cita coas urnas. “O
cambio pasa por ter unha presidenta do BNG”, afirmou entre aplausos.
Na súa intervención alegou que “non
chega con mudar as caras nin con retoques cosméticos, é necesario un proxecto
sen complexos que confíe no potencial do país, capaz de defender os intereses
dos sectores produtivos, das empresas, da clase traballadora, os servizos
públicos, capaz de sacar adiante as medidas que precisa Galiza sen ter que
mirar a Madrid para pedir permiso. E para iso, o BNG ten que levar o temón do
Goberno que abra ese tempo novo que Galiza merece”.
Pontón agradeceu a confianza da
militancia pero destacou que mudar o rumbo do país é un reto colectivo, como
organización e como sociedade. Con ese obxectivo, o BNG vai traballar desde xa
para acadar o apoio da maioría social que quere dar carpetazo á década de
recortes, submisión e irrelevancia política de Feixóo.
“Hoxe hai unha maioría social que, elección tras elección, está expresando
os seus desexos de cambio e son cada vez máis os galegos e as galegas que miran
ao BNG como a mellor ferramenta para conseguilo. Temos que dirixirnos a esa
maioría que non se resigna a ver como o país se nos escapa entre os dedos, que
sabe que outra Galiza é posible e quere empezar a construíla da man do BNG nas
próximas eleccións galegas”, animou Pontón.
A proclamación de Ana Pontón como
candidata ven precedida dun proceso de participación e votación por parte de
máis de 2.000 persoas nas 25 asembleas comarcais por todo o país e tamén desde
a emigración. Un proceso que se saldou sen un só voto en contra e cunha apoio case
unánime e masivo das bases á actual portavoz nacional. “Darei o mellor de min mesma e traballarei con
humildade e entusiasmo para conseguir que o BNG lidere o cambio político que
este país necesita”, recalcou.
A líder nacionalista tamén dedicou unha
parte da súa intervención ao acordo de investidura asinado por tres razóns
fundamentais: “Galiza, Galiza, Galiza”. E deixa ben ás claras a importancia de
ter unha forza política propia capaz de facer valer os intereses dos galegos e
das galegas ante o Estado, “sen ataduras nin submisións”, un acordo co que o Bloque
tamén “logrou transmitir que o cambio de ciclo político xa está en marcha”.
Firmeza e capacidade negociadora
De feito, recalcou, “rachamos coa
irrelevancia política que alimentou o PP desde a Xunta e o conxunto das forzas
estatais desde Madrid e conseguimos que Galiza volva existir politicamente no
Estado, volva ser un país co que negociar, acordar e ao que hai que respectar”. Basta ver a reacción do xefe do
Executivo, ironizou Pontón, para constatar a importancia do pacto. “Quedou tan
descolocado que sigue en modo pataleta
ao ver que nun mes o Bloque conseguiu máis para Galiza que el en dez anos,
quedou retratado como o que é: un presidente ausente, incompetente e desleal”,
sintetizou, un Feixóo “que está nas últimas horas do seu tempo político, como
un boxeador ao borde do KO”.
A candidata á Presidencia considera que
o éxito é tamén mérito de todas as persoa que confiaron na formación
nacionalista para facer valer os intereses dos e das galegas no Estado, e fixo
un recoñecemento expreso ás persoas que participaron directamente na
negociación, -“con firmeza e capacidade”-, citando a Goretti Sanmartín, Rubén
Cela e, particularmente, ao deputado, Nestor Rego, “quen recolle da mellor
maneira o legado do BNG no Congreso”. Pontón destacou algúns dos logros que
dan solución á cuestións urxentes en materia de infraestruturas, sector
industrial, benestar social e igualdade e que permiten avanzar en autogoberno.
Cumprir a palabra dada
Entre elas o abaratamento das peaxes
para 22.000 persoas que usan a diario a AP9, o incremento de recursos para
atender ás persoas dependentes, ou novas dotacións para loitar contra a
violencia de xénero coa creación de xulgados específicos en Santiago, Lugo e
Ourense.
Supón un boa nova para as comarcas
afectadas por procesos de transición enerxética, pois compromete convenios para
unha transición xusta e inclúe a Galiza en todos os fondos para a
descarbonización, acabando cunha discriminación aberta por Raxoi en 2011.
Recalca tamén a aposta pola modernización da rede ferroviaria interior e polo
coidado do territorio, con compromisos no saneamento das rías ou a reubicación
de ENCE. “Cumprimos a palabra dada cando dixemos
que os votos ao BNG servirían para defender os intereses dos galegos e das
galegas”, concluíu.
Departamento de comunicación