A CORUÑA | O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a toma de posesión do novo reitor da
Universidade da Coruña, Julio Abalde, a publicación no vindeiro mes de
febreiro, no Diario Oficial de Galicia, da primeira convocatoria de
investigadores distinguidos, que permitirá que 15 investigadores de alto
nivel -5 na categoría de retención e 10 na categoría de retorno- se
incorporen ás universidades galegas este mesmo ano, cunha axuda
adicional para desenvolver os seus proxectos de investigación.
Logo
de precisar ademais que este número incrementarase progresivamente nas
vindeiras convocatorias, en función dos resultados obtidos nesta
convocatoria piloto, Feijóo quixo durante a súa intervención reeditar o
compromiso da Administración autonómica coa investigación, cuns
investimentos directos nas tres universidades en 2019 que superaron os
61 millóns de euros, sendo esta a partida incluída no plan de
financiamento cun crecemento maior cada ano.
Máis polo miúdo, o
titular da Xunta subliñou que estes investimentos soportan 500 contratos
activos de investigadores en formación dos programas propios, que son
un dos activos máis importantes da Comunidade, así como o
cofinanciamento do traballo doutros 70 investigadores dos máis
prestixiosos programas nacionais. E recordou tamén que 235 grupos de
investigación de referencia competitiva ou de potencial crecemento teñen
un financiamento estrutural estable a 3 e 4 anos, traballando neles
máis de 1.000 investigadores estables.
Nesta mesma liña, aseverou
que a Cidade das TIC na que se está a traballar é a proba de que a
Universidade da Coruña camiña pola ruta de máis unión da Universidade
coa súa contorna, “e desde logo, a Xunta estará aí para apoiala porque é
o noso compromiso e porque pensamos que será útil para o sector da
tecnoloxía, para a cidade e para Galicia”.
Galicia, referente no apoio aos centros de investigación
Así
mesmo, resaltou que Galicia é referente no Estado no apoio aos centros
de investigación universitarios, e lembrou que o DOG de onte recolle a
concesión das axudas da última convocatoria pola que se concederon 18
millóns de euros a 8 deses centros, situándoos nun contexto de alta
competitividade en Europa. Esta axuda, que garante o seu funcionamento
ata 2022, incrementa a súa contía un 75% con respecto ao período
2016-2019.
Para darse de conta da magnitude da convocatoria,
Feijóo lembrou que a maior certificación que se obtén en España, ser
centro Severo Ochoa, outorga un financiamento anual dun millón de euros,
e a certificación María de Maeztu, a segunda en importancia, outorga
medio millón anual. “Pois ben, un centro galego obtivo un millón de
euros, dous máis recibirán máis de 900.000 euros/ano e outros catro
superan con amplitude os 500.000 euros”, precisou, constatando que, en
total, sete centros de investigación universitaria galega recibirán un
financiamento base superior ao da maioría dos centros de investigación
punteiros recoñecidos en España.
As transferencias do Plan de financiamento do SUG marcarán un novo teito: 443 millóns
A
mellor mostra de que a Universidade é prioritaria ponse de manifesto,
segundo o presidente da Xunta, no feito de que esta xa recuperou hai
dous anos os niveis de orzamento precrise. Así, mentres os orzamentos de
Galicia aínda non recuperaron neste 2020 o nivel de 2009, a
universidade galega xa o recuperou en 2018.
Ao respecto, reiterou
que as transferencias do Plan de financiamento ás tres universidades
galegas marcarán un novo teito, ao recibir 443 millóns de euros. Unha
proba máis do compromiso innegable da Comunidade coas súas
universidades, que fai posible que cada día se dediquen a ela máis de
1,2 millóns de euros.
“Unha cantidade que debe seguir crecendo e
que tentaremos conseguilo a través do novo Plan de financiamento
2021-2025, que comezaremos a deseñar xa en febreiro”, avanzou, ao que
engadiu que ese compromiso reflíctese tamén en termos relativos, é
dicir, en comparación co resto de comunidades autónomas de España, xa
que segundo o estudo realizado polo Observatorio do Sistema
Universitario, Galicia ocupa a terceira posición no conxunto de España
no tocante á porcentaxe do PIB dedicada á financiación universitaria.
Especialización dos campus, un reto do futuro
Durante
a súa intervención, o responsable do Goberno galego referiuse tamén á
especialización dos campus e animou ás universidades galegas a seguir
por ese camiño, xa que do seu éxito depende a xeración de profesionais
cos perfís adecuados para responder en cada momento ás necesidades e
demandas da sociedade e do mercado laboral.
Logo de resaltar que
Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que vai regular un procedemento
desta natureza, cun plan único en España que xa frutificou en oito
campus especializados, dos que tres corresponden á UDC, Feijóo lembrou
que o investimento realizado e comprometido nos campus no período
2013-2020 supera os 17 millóns de euros e, dado que nalgún caso xa está
nunha fase moi madura, avogou por iniciar o procedemento de acreditación
formal dos campus de especialización.
A orde que regula este
procedemento publicouse no pasado outono e os campus que superen o
proceso recibirán a acreditación, que leva asociada a aprobación dun
plan de investimentos a catro anos, para acometer as accións previstas
na súa estratexia docente, investigadora e de transferencia.