O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe A
Fonsagrada en compañía do alcalde, Carlos López, do presidente da
Deputación de Lugo, José Tomé, dos alcaldes socialistas de Navia de
Suarna, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Pedrafita, así como de
deputados nacionais, autonómicos e provinciais, e outros cargos
socialistas.
Dende alí, o líder dos socialistas galegos
puxo o foco na importancia do rural, que precisa de “apoio” por parte da
Xunta, e lamentou a desatención nestes 11 anos de Feijóo. “Prometeu que
esta sería a lexislatura do rural, pero abandonouno e recortoulle
servizos”, denunciou. “O balance de Feijóo é fondamente
negativo na Galicia rural: menos poboación, peores servizos sociais,
menos actividade económica, menos posibilidade de futuro para a xente
moza”, sinalou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que a diagnose
é “moi preocupante”.
Fixo referencia así Gonzalo
Caballero aos recortes, por exemplo, no eido sanitario, exemplificado no
peche do paridoiro de Verín, onde aínda hai dous días produciuse un
novo parto de urxencia. “É un caso que está dando a volta a toda España e
millóns de cidadáns están coa boca aberta escoitando como Feijóo
recorta, desfai e pecha servizos sanitarios”, subliñou.
"Galicia necesita un cambio"
“Sabemos
que Galicia necesita un cambio, porque é necesario mudar ese abandono
do rural”, incidiu Gonzalo Caballero, antes de anunciar que o vindeiro
sábado haberá unha nova xornada de traballo do IdeaGaliciaLab centrada
nas especificidades do eido rural. Terá lugar en Ourense
e servirá, como dixo o secretario xeral, “para recoller o mellor
coñecemento e as mellores solucións para a Galicia do medio rural”. “Nós
comprometémonos a que un goberno na Xunta liderado polo PSdeG abrirá
unha nova etapa de políticas de medio rural que poñan os servizos
sociais, a actividade económica e as necesidades dos veciños como eixo
central para traballar polo futuro“, asegurou.
De feito, o
candidato socialista á Presidencia da Xunta puxo en valor que “onde a
Xunta non chega, están os alcaldes socialistas resolvendo os problemas
do país”, en relación aos rexedores de Negueira de Muñiz, Ribeira de
Piquín, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, e outros que estiveron
presentes na xuntanza. Pola súa banda, o alcalde da
Fonsagrada, Carlos López, agradeceu a visita do secretario xeral e “o
seu interese no rural”, onde fan falla “medidas para que a xente poidan
vivir”.
"Papel mollado"
En paralelo,
Gonzalo Caballero deu por feito que Feijóo vai adicar o tempo que queda
de lexislatura a facer anuncios e promesas de todo o que non fixo en 11
anos de goberno.
Só así se explica que ata o propio CES sinalase que o proxecto de lei
de impulso demográfico é “papel mollado”.
“A revitalización demográfica
non se soluciona con formulacións xenéricas”, evidenciou o líder
socialista, “son necesarios orzamentos, compromisos e incentivos
positivos para a poboación e a actividade económica, para o sector
primario, para o turismo rural...”. Departamento de comunicación