Nun
acto multitudinario que convocou en Santiago a cerca dun millar de responsables
políticos e militancia de base, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a
súa candidatura ás eleccións galegas co reto de “facer historia” e ser o
referente da maioría social que quere un cambio real e lograr unha Presidencia
da Xunta liderada por primeira vez por unha muller e por unha nacionalista.
Un nutrido grupo de asistentes tivo
que quedar na rúa nun auditorio desbordado, o que fixo necesario que a
candidata, micro en man e subida a unha caixa, lle dirixise unhas palabras que
foron recibidas ao grito de “presidenta, presidenta”.
“Que ninguén o dubide, imos facer
historia, imos deixar atrás esta década gris e abrir un tempo novo da man do
BNG”, arrancou Pontón a súa intervención,
na que agredeceu o entusiasmo e o apoio da militancia. “É unha honra e
unha enorme responsabilidade coa cidadanía que quere un cambio de rumbo, un
compromiso coas persoas que están a mirar cara nós, coas que nos votaron e coas
que nos ven como a mellor opción para o cambio real”.
“Quero dirixirme a esa maioría social
para dicirlle que vou ser a súa candidata, a candidata desa maioría que ama
este país, que sabe que o desenvolvemento económico e social non pasa por máis
submisión a Madrid, senón por máis Galiza. Quero ser a candidata da Galiza
dinámica e traballadora, que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos en
nós mesmas e non nos resignamos á lenta decadencia á que nos condenan as
políticas centralistas. A esa maioría quero dicirlle que ten sólidos motivos
para confiar e ilusionarse co BNG”, apelou Pontón.
Con ese obxectivo de liderar o cambio
real á década de Feixóo, a candidata á Presidencia deixa claro que o Bloque vai
a por todas, porque o país precisa moito máis que un mero cambio de caras para
seguir coa mesma política de submisión centralista baixo un verniz “progre”.
“Son consciente de que o reto que temos
entre mans é lograr unha auténtica revolución: conseguir que Galiza teña, por
primeira vez na súa historia, unha muller e unha nacionalista na Presidencia. Por que non? Acaso vaille ben a Galiza con
tantos presidentes de forzas subordinadas a Madrid? Non, non nos vai ben. Iríalle
mellor a Galiza cunha presidenta nacionalista, si ou non?”, interpelou a un
auditorio que respondeu á pregunta cunha ovación, e a que seguiu unha
contundente declaración de intencións.
“Non saímos a xogar medio partido,
saímos a gañar o primeiro e o segundo
tempo, con ilusión, con decisión e sen poñernos límites, porque os galegas e as
galegas nin esperan nin merecen menos do BNG”.
Derrotar ao PP nas urnas non chega,
insistiu, aí que ir máis aló porque as vindeiras eleccións non poden limitarse
a ser “unha alternancia” do bipartidismo español, pois as forzas estatais
coinciden na súa discriminación co país.
Ni pitufo gruñón, nin selfies na Moncloa
“Este país non necesita nin un
presidente na trincheira da falsa confrontación, -en relación a un Feixóo en
modo pitufo gruñón, ironizou-, que
usa Galiza para facer méritos ante os seu xefe de Madrid, nin un presidente que
se fai selfies co inquilino da Moncloa
mentres xustifica a discriminación cos mesmos argumentos de sempre. Galiza está
farta deste bucle no que PP e PSOE intercambian papeis para manter o agravio. É
hora de dar un xiro de guión, é hora de que Galiza teña unha presidenta
nacionalista sen mais obediencia que aos galegos e ás galegas”, salientou a
líder do Bloque.
Por iso, a cita coas urnas é a
oportunidade de abrir un tempo novo que deixe atrás esa dinámica e puxo como como
contrapunto a capacidade do Bloque para facer valer os intereses do país, como
ven de demostrar no acordo de investidura.
Rachar coa submisión
“As vindeiras eleccións van de
construír país, van de programas, de
propostas, de solucións para o noso futuro colectivo, de rachar coa submisión,
de que Galiza se faga valer e avance cara un futuro mellor. Van de dignidade”,
proclamou. E para iso está o BNG, unha forza cohesionada e solvente, cun
proxecto de país, con ideas e con capacidade de gobernar”.
“Sabemos de onde vimos e sabemos cara
onde queremos ir, os galegos e galegas poden confiar no Bloque porque temos un
proxecto de país solvente, autocentrado e inclusivo, e capacidade para levalo
adiante. Sabemos gobernar”, insistiu, destacando o papel dos gobernos
municipais. Por iso, a alternativa para abrir un
tempo novo para poñer Galiza en marcha é o BNG.
“Se tomamos as rendas do noso destino,
vexo un país onde se acabe co o espolio enerxético,
que blinde os servizos públicos, que derruba o muro do centralismo, que aposta
pola ciencia e a investigación, os
estaleiros coas gradas cheas, montes produtivos e rías saneadas. Vexo a unha
mocidade con esperanza, que sabe vai ter salarios dignos e oportunidades aquí,
un país mulleres libres, empoderadas, un país que defende a súa lingua, a súa
cultura con orgullo”, concluíu. Departamento de comunicación