O secretario xeral do PSdeG,
Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios para abordar a rectificación
de Feijóo sobre o peche do paridoiro de Verín despois de mentir alegando
“criterios técnicos” relativos á seguridade nos partos.
“É a primeira gran vitoria da
maioría social progresista. Feijóo xa non toma as decisións, senón que unha
nova Galicia arrincona ao presidente e oblígao a rectificar”, sinalou Gonzalo
Caballero, quen censurou os ataques de Feijóo contra “a calidade da sanidade
pública” e contra “a atención aos habitantes do medio rural”.
Neste senso, o líder dos
socialistas galegos urxiu a Feijóo a reapertura “inmediata” do paridoiro de
Verín e unhas “desculpas” polo seu “discurso falaz” que utilizou “para meter
medo” ás familias coa “falla de seguridade” para dar a luz no hospital desa
vila.
“Se Feijóo tivese un mínimo de
dignidade política, asumiría responsabilidades políticas polo peche do
paridoiro de Verín e cesaría a todos os responsables políticos desa decisión”,
recalcou Gonzalo Caballero, antes de reclamar a Feijóo que “non faga máis dano”
nos meses que lle quedan de mandato.
Veto parental
En paralelo, o máximo dirixente
do PSdeG criticou “a falla de lealdade” de Feijóo, que se amosa “incapaz de
resolver os problemas de Galicia” e prefire dedicarse a confrontar co goberno
progresista de España a través da correspondencia.
“Feijóo envía cartas firmadas
por el pero orientadas por Casado e por Vox”, incidiu Gonzalo Caballero, quen
requiriu ao mandatario que se posicione sobre o veto parental imposto polos
gobernos do seu partido coa ultradereita.
“Que aclare se o apoia”, esixiu
o dirixente socialista, consciente de que se trata dun instrumento da
ultradereita “para frear o avance social e criminalizar a educación pública”. Departamento de comunicación