El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

GALICIA | PAZO DE MEIRÁS

A Deputación da Coruña solicita comparecer como parte no xuízo para recuperar o Pazo de Meirás

29-01-2020 18:29:45

A CORUÑA | A Deputación da Coruña solicitou a participación no xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás como ben público que se iniciará este venres coa vista previa e o acto de conciliación e está á espera da resolución que permita a súa comparecencia. 

Cun documento en que se contempla a relación da institución cos feitos xulgados, a Deputación  da Coruña solicitou no xulgado de primeira instancia Nº 1 da Coruña, poder personarse como parte no xuízo que se inicia este venres encamiñado á recuperación do Pazo de Meirás como ben público. O xulgado deu tamén traslado da solicitude ás demais partes personadas no xuízo. 

A Deputación da Coruña solicita participar no xuízo lembrando que fora a promotora no anterior mandato da creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás composta por concellos, entidades da memoria, a Real Academia Galega e as Universidades como ferramenta para reivindicar a recuperación do inmóbel en mans da familia Franco. A iniciativa naceu como resposta á Xunta pro Pazo de Meirás que fora a artífice do espolio para converter a que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán en residencia de verán da Xefatura do Estado naquela altura ocupada polo ditador Francisco Franco. 

Despois de deseñar a folla de ruta para a recuperación do Pazo, a Deputación da Coruña engargara a elaboración dun informe xurídico e outro histórico que avalaron a reclamación do inmóbel e que foron fundamentais á hora de iniciar o camiño da vía xurídica para recuperar a propiedade. Dous equipos de dirixidos por Xavier Ferreira, profesor da Facultade de Dereito, e Emilio Grandío, profesor da Facultade de Historia, os dous da Universidade de Santiago, elaboraron os informes, dando conta da documentación que probaba o espolio e a apropiación indebida por parte dos Franco, traballo para o que foi fundamental a investigación desenvolvida por Carlos Babío e Manuel Pérez e publicada en boa parte no volume "Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio". 

O propio informe xurídico abría a porta á demanda xudicial que a Deputación da Coruña reclamou tanto a Patrimonio Nacional -de quen os informes probaban a propiedade e indicaban como máis acaído para iniciar a tramitación- como ao MInisterio da Presidencia a través da Dirección da Memoria Histórica. En distintas ocasións, a Deputación da Coruña dirixírase ao goberno central para que incorporase na súa axenda política a recuperación xudicial do Pazo de Meirás, unha vez quedaba claro que o inmoble pasara ás mans da familia Franco por medio dunha venda simulada tempo despois de que se fixera efectiva a doazón á Xefatura do Estado. 

A Deputación da Coruña recoñece á hora de solicitar personarse como parte no xuízo o papel desenvolvido tanto no proceso previo de espolio tanto como no recente de ser a primeira institución que iniciou o camiño para a recuperación xudicial despois de que saltara a luz a utilización do Pazo para facer apoloxía do fascismo por parte da Fundación Francisco Franco. O xulgado de Primeira instancia n. 1 da Coruña deu conta da recepción da solicitude por parte da Deputación que está á espera de resposta sobre a posibilidade de personarse como parte. Como indica a lei, o xulgado deu tamén traslado da solicitude ás demais partes personadas no xuízo.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias