O secretario
xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou hoxe que o recurso xudicial
anunciado por Feijóo para reclamar a recadación do IVE de decembro do 2017 ao
goberno de España “non leva a ningures e non implica nada positivo para
Galicia, senón que Feijóo segue o camiño do goberno de Madrid liderado por
Vox”.
“Amosa que
Feijóo está á desesperada e lévao a non ser un interlocutor válido para
defender a Galicia”, recalcou Gonzalo Caballero, para incidir en que
“necesitamos un presidente que saiba defender Galicia de xeito leal”.
“Feijóo é un
líder do escapismo que non quere asumir responsabilidades e que, en tempo
electoral, busca excusas para non dar conta do que non fixo”, sinalou o máximo
dirixente do PSdeG, ao contrapoñer a súa demanda de 200 millóns de euros co
feito de que “consentiu” que Rajoy deixara sen executar 2.300 millóns de euros que
estaban orzamentados para Galicia e de que permitiu unha paralización do AVE
que implicou “500 millóns de sobrecustes".
No que atinxe á
contía do IVE, Gonzalo Caballero recordou que o pasado ano Feijóo xa reclamara
as entregas a conta “e dixémoslle que as súas protestas non tiñan recorrido”
porque o goberno socialista cumpría coas comunidades. “E actualizouse, tal e
como dixemos”, agregou, crítico coas “mentiras” de Feijóo. É por iso que o
líder dos socialistas galegos censurou “a escalada de confrontación” de Feijóo
co goberno de España, “un goberno progresista que estará moito tempo” exercendo
as súas funcións.
"Nada positivo"
"Feijóo,
sumándose á liña xudicial iniciada polo PP e Vox en Madrid, non traerá nada
positivo”, apuntou Gonzalo Caballero, quen reiterou que o goberno buscará
“mecanismos” para solucionar un problema que -destacou- é común a todas as
comunidades. Así é que rexeitou “os discursos falaces que non benefician a
ninguén” baseados nesa liña de que “España nos roba” cando o goberno de España
beneficia a Galicia.
“Esas mentiras
teñen un percorrido curto”, afirmou o responsable do PSdeG, quen avanzou que un
presidente socialista poderá “encarrilar todos os temas” co goberno de España
“con presión política e diálogo”. “Ese é o noso compromiso con Galicia”,
concluíu.
Visita a Ramirás
Gonzalo
Caballero fixo estas declaracións no marco dunha visita a Ramirás en compañía
da alcaldesa, Isabel Gil, onde reclamou compromiso da Xunta para “revitalizar”
o concello.
“Hai asignaturas
pendentes”, recordou, á vista do problema das augas, á falta de recursos
sanitarios na bisbarra e as necesidades do medio rural.
Pola súa banda,
a rexedora socialista agradeceu a visita “do próximo presidente da Xunta”,
porque suporá melloras para o seu concello fronte á “desatención” do actual
goberno de Feijóo.
A continuación,
o candidato socialista continuou a visita por Ourense cun encontro co alcalde
de Celanova, Antonio Puga, para repasar as necesidades deste concello, en
compaña dos concelleiros socialistas e de cargos provinciais do partido.
Visita a Tui
Antes, Gonzalo
Caballero estivo en Tui xunto co alcalde, Enrique Cabaleiro, onde puxo en valor
que a vila “pasase páxina a unha historia de inestabilidades, novas
esperpénticas e mala xestión municipal”. “Feijóo prometeu
moitas cousas, pero non acometeu moitas cuestións fundamentais”, criticou, en
alusión á unidade de saúde mental comprometida, ás elevadas listas de espera en
atención primaria e á necesidade de intervención no casco histórico.
“O vindeiro goberno
progresista na Xunta vai manter unha liña de acción fluída co concello para
resolver todos os asuntos pendentes na axenda de Tui”, recalcou o líder do
PSdeG. A maiores, o
rexedor requiriu á Xunta medidas para o patrimonio histórico e urxiu a construción
dun centro de día, ao tempo que lamentou non ter sido recibido aínda polos
responsables do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Departamento de comunicación